Pasar al contenido principal

A exposición fotográfica de paisaxes de países lusófonos chega a Lugo onde se poderá visitar en Veterinaria

No CACTUS abre outra sobre ecosistemas de Galicia

‘Ollando a Lusofonía’ é o título dunha nova exposición de fotografía colectiva que poderá visitarse dende o luns 12 na sala Isaac Díaz Pardo, do Auditorio de Veterinaria do Campus de Lugo. Esta mostra, organizada pola Vicerreitoría de Cultura, recolle un total de 95 fotografías, realizadas por artistas de diferentes países e nas que se ofrecen trazos da súa paisaxe e das súas xentes. A mostra permanecerá aberta, con acceso libre e gratuíto, ata o 5 de decembro e poderá visitarse en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.
Esta exposición chega a Lugo tras a celebración o pasado mes de setembro do I Congreso Internacional de Educación Ambiental dos Países Lusófonos e Galicia na Facultade de Filosofía da USC. Este evento contou tamén cunha representación das culturas dos países membros e o seu obxectivo é reflectir as contrastes e a unión destes países aos composteláns e a todos os visitantes que se acheguen.
Na mostra poden verse fotografías de artistas como Sebastiao Salgado (Brasil), Vitor Nogueira (Brasil), Antonio Campos (Portugal), Xacobe Meléndrez e Xulio Villarino (Cabo Verde), Mario Jaleco (Mozambique e Angola), Jorge Rosmaninho (Guiné, Bissau), Ricardo Franca (Santo Tomé e Príncipe) e Katia Silva (Timor Leste).
A inauguración da mostra terá lugar o luns, ás 12:00 horas, na propia sala. Estarán presentes Ana Bravo, decana da Facultade de Veterinaria; Elías Torres, vicerreitor de Cultura, e Verónica Campos García, responsable de promoción cultural do CEIDA (I Congreso Internacional de Educación Ambiental dos Países Lusófonos).
EcodiversidadePor outra banda, o luns 12 abre tamén a exposición de fotografía ‘Ecodiversidade: Imaxes naturais de Galicia’, que poderá visitarse no edificio CACTUS do Campus de Lugo ata o 16 de novembro.
Esta mostra pretende achegar ao público unha visión da biodiversidade en Galicia mediante fotografías que recollen ecosistemas autóctonos. Os traballos que se presentan ao público ofrecen imaxes das distintas paisaxes naturais, dende as montañas dos Ancares e a Serra do Courel ata a costa galega, con claros exemplos de botánica e fauna galega.
O obxectivo da mesma é mostrar a riqueza natural de Galicia dende unha perspectiva científica, así como nalgúns casos, facer unha denuncia sobre o trato que reciben algunhas das zonas.
Os autores destas fotografías son Eduardo Ochoa, Luís Engroba, Valentín Roldán, Xerardo Méndez, Federico García, José Manuel Guisasola e José Manuel Otero.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.11.2007.