Os estudantes que iniciaron a súa carreira poderán rematala polo plano hoxe en vigor con independencia da implantación do novo grao

O reitor Senén Barro aclarou este mércores no Consello de Goberno dúbidas xurdidas na comunidade universitaria con respecto á implantación do Espazo Europeo de Educación Superior. Neste senso, asegurou que as autoridades académicas da USC garantirán legalmente que todos os estudantes que iniciaron un plano actual de estudos o poderán rematar polo actualmente en vigor, independentemente da posta en marcha do novo Grao.
Con respecto á oferta e prezos públicos dos novos Programas Oficiais de Posgrao (POP), tanto másters como doutoramentos e en aras de garantir a igualdade de oportunidades, o reitor avogou por achegar suficientes recursos públicos e asegurou que a selección dos alumnos se fará por criterios académicos, “tal e como acontece hoxe en licenciaturas e doutoramentos”.
Conscientes da complexidade do proceso de homologación do espazo universitario europeo, a USC vai pór en marcha instrumentos de información e comunicación dispoñibles na páxina web e a través do correo electrónico dirixidos a resolver as dúbidas dos estudantes.
Tras o informe do reitor, o Consello de Goberno da USC tratou puntos referidos á convocatoria de bolsas de comedor do Servizo Universitario de Residencias e á normativa para a cesión temporal de espazos universitarios. A xuntanza contempla ademais outros asuntos como os informes da Comisión de Estudos de Posgrao e do Servizo da Xestión da Oferta e Programación Académica respecto dos novos POP a impartir o vindeiro curso 2008-2009.
Este órgano de goberno universitario trata ademais a solicitude de fondos FEDER para novos edificios, os criterios para a avaliación de méritos docentes de 2007, a oferta de seis novos cursos de posgrao propio, os criterios e convocatoria para o reparto do orzamento destinado á mobilidade nos estudos de terceiro ciclo no presente curso ou o proxecto de regulación de colaboradores docentes da Fundación Rof Codina.
No eido da docencia e a investigación, o Consello de Goberno debate sobre a asignación de complementos retributivos autonómicos, a regulación do programa de axudas para o financiamento de estadías con obxecto académico de Persoal Docente e Investigador doutras Universidades e Centros de investigación e a modificación da instrución relativa á remuneración de asistencias nos concursos de PDI contratado. Os novos membros da Comisión de Resolución de Conflitos e as novas atribucións da Comisión de Accións Especiais completan a orde do día desta xuntanza.