Pasar al contenido principal

Inaugurada a exposición fotográfica de países lusófonos na Facultade de Veterinaria

O vicerreitor de Cultura, a  decana de Veterinaria e unha representante do CEIDA inauguraron a mostra
O vicerreitor de Cultura, a decana de Veterinaria e unha representante do CEIDA inauguraron a mostra

A Facultade de Veterinaria de Lugo acolle dende este luns a mostra de fotografía colectiva ‘Ollando a Lusofonía’, que pode visitarse na sala Isaac Díaz Pardo e no Auditorio e o vestíbulo da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo. Esta mostra, organizada pola Vicerreitoría de Cultura, recolle un total de 95 fotografías, realizadas por artistas destes países e nas que se ofrecen trazos da súa paisaxe e das súas xentes.
A mostra permanecerá aberta, con acceso libre e gratuíto, ata o 5 de decembro e poderá visitarse en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.
Esta exposición chega a Lugo tras a celebración o pasado mes de setembro do I Congreso Internacional de Educación Ambiental dos Países Lusófonos e Galicia na Facultade de Filosofía da USC. Os países lusófonos son os de fala galego-portuguesa e actualmente manteñen unha actividade cultural conxunta, actividade á que se suma agora Galicia. De feito, este primeiro congreso serviu para poñer en marcha varios proxectos de cooperación, e algúns deles verán a luz en próximas datas.
Esta mostra recolle non só imaxes de paisaxes, senón que as fotografías representan as culturas e as xentes destes países membros e o seu obxectivo é reflectir as contrastes e a unión destas nacións lusófonas aos composteláns e a todos os visitantes que se acheguen.
Na mostra poden verse fotografías de artistas como Sebastiao Salgado (Brasil), Vitor Nogueira (Brasil), Antonio Campos (Portugal), Xacobe Meléndrez e Xulio Villarino (Cabo Verde), Mario Jaleco (Mozambique e Angola), Jorge Rosmaninho (Guiné Bissau), Ricardo Franca (Santo Tomé e Príncipe) e Katia Silva (Timor Leste).
A inauguración estivo a cargo do vicerreitor de Cultura, Elías Torres, que destacou a importancia que ten esta mostra para por en relevancia “a importancia da lingua galega en todo o mundo”. Pola súa banda, a decana da Facultade de Veterinaria, Ana Bravo, suliñou que a mostra contará cun amplo número de visitantes, composto tanto polos alumnos como polos participantes nos congresos e xornadas que se celebrarán durante este tempo.
Na inauguración estivo tamén Verónica Campos García, responsable de promoción cultural do CEIDA (I Congreso Internacional de Educación Ambiental dos Países Lusófonos), que explicou que a mostra fotográfica está xa comprometida para outros organismos e institucións e que percorrerá o mundo lusófono como sinal de identidade desta cultura “unida por un idioma común, pero con outros rasgos comúns”.
Durante a inuaguración, Laura García Recio, compoñente da Compañia de Teatro da USC no Campus de Lugo, interpretou unha performance co título ‘Lamento’.
Actividade complementariaA Oficina de Cultura ten organizada una actividade complementaria a esta exposición. O día 28, ás 20:00 horas, realizarase a lectura das conclusión do congreso de setembro, ao que seguirá a proxección de dous curtos, o primeiro co título ‘Mionga Ki Obo’ e o segundo ‘Bissau D’Isabel’. As proxeccións terán lugar na Escola Universitaria de Formación do Profesorado.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.11.2007.