Pasar al contenido principal

Profesores da USC participarán como relatores nun ciclo de conferencias sobre desagrarización e desenvolvemento rural

Serán sete charlas, que darán comezo o luns, e terán o recoñecemento dun crédito de libre configuración

Profesores da Universidade de Santiago participarán como relatores no ciclo de sete conferencias ‘Desagrarización e desenvolvemento rural en Galicia’, que organiza a Real Academia Galega de Ciencias, en colaboración co Inludes, dende o luns e ata o día 28 deste mes.
As charlas terán lugar de 19:30 a 20:30 horas de luns a xoves da próxima semana e de luns a mércores da seguinte. O ciclo está destinado a todos os públicos, pero principalmente a alumnos da USC que, pola súa participación, terán o recoñecemento dun crédito de libre configuración para todas as titulacións. A inscrición, que é gratuíta, pode realizarse no Inludes ata o luns 19, xusto antes do comezo da primeira sesión.
Edelmiro López Iglesias, director xeral de Desenvolvemento Rural, ofrecerá a primeira conferencia o luns co título ‘Desagrarización e política europea, estatal e autonómica de desenvolvemento rural’. Será despois da inauguración, prevista para as 19:00 horas.
Continuarán as charlas coa de Antonio Rigueiro Rodríguez, catedrático do departamento de Produción Vexetal da Universidade de Santiago de Compostela, que falará sobre a valorización das producións complementarias do monte e o seu desenvolvemento rural. O sector forestal galego será o tema do relatorio do día 21, a cargo de Francisco Javier de Ana Magán, presidente da Asociación Forestal de Galicia. Pechará a semana Rubén Camilo Lois González, director xeral de Turismo, falando sobre este sector no desenvolvemento rural.
As ‘Alternativas agrogandeiras fronte á desagrarización en Galicia’ continuarán o día 26 con este ciclo. A conferencia estará a cargo de Francisco Sineiro García, profesor de Economía Aplicada da Escola Politécnica Superior de Lugo.
Xosé Benito Reza, director xeral de Conservación da Natureza, falará o martes sobre conservación do medio natural e pechará o ciclo Manuel Bao Iglesias, catedrático do departamento de Enxeñería Química da Universidade de Santiago de Compostela, que disertará sobre as enerxías renovables e o seu impacto no desenvolvemento rural.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.11.2007.