Pasar al contenido principal

Centos de estudantes de Medicina daranse cita na USC a finais de mes no seu noveno congreso internacional de cirurxía

O Grupo Independente de Estudantes de Medicina da USC organiza por noveno ano consecutivo o Congreso Internacional de Cirurxía para Estudantes que reunirá en Santiago entre os días 28 e 30 de novembro a centos de universitarios de ramas sanitarias de universidades españolas e estranxeiras, dos que moitos presentarán novos traballos de investigación.
Nesta nova edición, o congreso mantén o espírito de anos anteriores de incentivar ás novas xeracións de profesionais das distintas ramas biosanitarias para que desenvolvan o seu interese pola investigación. Así, serán os propios estudantes os que, a través dos distintos relatorios e pósters realizados en colaboración cos seus profesores, expoñan os seus estudos e conclusións.
Complementariamente ás exposicións que os estudantes farán sobre múltiples aspectos científicos, entre as actividades do congreso destaca unha serie de conferencias maxistrais pronunciadas por especialistas en cirurxía entre os que destacan Evaristo Varo, xefe da Unidade de Transplante Abdominal do CHUS e presidente da Sociedade Española de Transplante Hepático; ou o cirurxián pediátrico do CHUS Ramiro Varela. Está previsto ademais o desenvolvemento de dúas mesas redondas así como doutros tantos talleres prácticos de iniciación á técnica cirúrxica e de técnicas básicas de reanimación cardio-pulmonar.
O encontro, cuxo director científico é o catedrático Miguel Caínzos, é unha iniciativa do Grupo Independente de Estudantes de Medicina, asociación estudantil nacida en 1998 na USC, que conta co respaldo do seu Departamento de Cirurxía e da Facultade compostelá.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.11.2007.