Pasar al contenido principal

O Alzheimer centra as actividades do Seminario Mulleres e Universidade da USC no marco da Semana da Ciencia

As perspectivas científico-clínica e xurídico-social da enfermidade analizaranse en conferencias nas Facultades de Bioloxía e Dereito

O Seminario Mulleres e Universidade (SMU) da USC participa na Semana da Ciencia 2007 cun ciclo de conferencias e mesas redondas que xirarán en torno á enfermidade do Alzheimer. Baixo o lema ‘O dobre impacto do Alzheimer: enfermidade e dependencia’ este ciclo inaugurouse este luns 19 nun acto celebrado na Aula Magna da Facultade de Dereito ao que asistiron diversas autoridades académicas e institucionais. A continuación, a directora da Escola Galega da Administración Sanitaria da Consellería de Sanidade, Berta Rivera, pronunciou a conferencia ‘O coidado informal na enfermidade de Alzheimer: Unha valoración do tempo’.
Con esta actividade, o SMU pretende chegar á poboación universitaria e á sociedade en xeral unha mensaxe clara da enfermidade de Alzheimer articulada en dúas seccións, a propia enfermidade e a problemática xeral xerada pola enfermidade. Deste xeito, comezarase por analizar o descubrimento da enfermidade, síntomas, diagnóstico e investigación científica desenvolvida na materia, en particular en España, e os descubrimentos actuais sobre as súas causas e tratamentos.
Xa noutra parte abordarase a toma de conciencia pola sociedade da magnitude da enfermidade; a situación actual no ordenamento xurídico dos enfermos e as súas condicións de vida, así como a percepción social dos seus efectos. Por último, terá lugar unha mesa redonda na que se debaterá desde todas as perspectivas que implica a enfermidade.
O programaA Aula Magna da Facultade de Bioloxía acollerá, o martes 20 ás 19:00 horas, dúas conferencias. A primeira leva por título ‘Alteración da cortiza cerebral na enfermidade de Alzheimer: Contribucións de Cajal e estudos actuais’ e correrá a cargo de Virginia García-Marín, do Instituto de Neurobioloxía de Madrid. Deseguido, a directora de I+D de Neuropharma, Ana Martínez, pronunciará a charla ‘¿Estamos cerca dun tratamento eficaz para a enfermidade de Alzheimer?’.
As conferencias trasladaranse o mércores 28 á Aula Magna da Facultade de Dereito, onde a partir das 19:00 horas a investigadora Beatriz Fernández Gregoraci explicará os aspectos xerais da lei de dependencia e da protección xurídico privada dos discapacitados. Na mesma Facultade, o xoves 29 ás 19:00 horas intervirá a profesora da Complutense Cristina de Amunategui co relatorio ‘Posibilidades de autoprotección: autotutela e mandato preventivo’ a quen lle seguirá Mercedes Bermejo Pumar, notaria da Coruña, coa conferencia ‘A protección do incapaz dende o dereito de sucesións’.
O ciclo rematará o venres 30 cunha mesa redonda en Dereito na que a partir das 18:00 horas diversos expertos da Asociación Galega para a Axuda dos Enfermos de Alzheimer (Agadea), xunto coa profesora da USC Monserrat Nogueira, ofrecerán unha visión global da enfermidade.
O SMUO Seminario Mulleres e Universidade da USC formouse en 2002 cun grupo de mulleres sensibilizadas polos temas de igualdade de xénero e co ánimo de promocionar a igualdade entre homes e mulleres en todos os niveis de actuación da institución compostelá, impulsando e reclamando a creación de políticas universitarias que fomenten unha igual participación e representación en tódolos ámbitos de toma de decisións.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.11.2007.