Pasar al contenido principal

Investigadores galegos recomendan non abusar de suplementos nin de alimentos enriquecidos con antioxidantes

A Rede Galega para o Estudo de Antioxidantes Naturais, integrada por investigadores das tres universidades galegas, reuniuse na ETSE
A Rede Galega para o Estudo de Antioxidantes Naturais, integrada por investigadores das tres universidades galegas, reuniuse na ETSE
Conformada por grupos das tres universidades galegas e doutros centros públicos de investigación, a Rede Galega para o Estudo de Antioxidantes Naturais celebrou a súa segunda xuntanza na USC

A Rede Galega para o Estudo de Antioxidantes Naturais (ANTIOXGAL), integrada por grupos de investigación das tres universidades galegas e por centros públicos de investigación, celebrou recentemente na USC a segunda xuntanza desta rede. Os integrantes da rede están a desenvolver distintas liñas de traballo encamiñadas á identificación e caracterización de compostos naturais con poder antioxidante e á obtención de extractos bioactivos con aplicacións na industria alimentaria, tanto para conferirlles aos alimentos propiedades fundamentais como para prolongar a súa vida útil. O traballo da rede tamén afonda nos posibles fins terapéuticos destas substancias antioxidantes e na súa capacidade para previr diversas enfermidades dexenerativas.
Na xuntanza participaron os investigadores Julia Barciela García, Esperanza Bispo Vilar, José Manuel Cruz Freire, Herminia Domínguez González, Laura González González, María Jerez Longueira, José Manuel López Vilariño, Andrés Moure Varela, María José Núñez García, Perfecto Paseiro Losada, Manuel Pazos Palmeiro, Rosa María Peña Crecente, Mª Rosa Pérez Gregorio, Concepción Pérez Lamela, Jorge Sineiro Torres, Manuel Freire Garabal, Anunciación Lafuente Jiménez e Ana Caride Figueroa, estes tres últimos incorporados á Rede recentemente.
Que son os antioxidantes?Os antioxidantes son un grupo de vitaminas, minerais, colorantes naturais e outros compostos de vexetais e encimas que bloquean a oxidación causada polos radicais libres. A maioría dos antioxidantes atópanse en alimentos vexetais polo que a súa inxesta resulta tan beneficiosa para a saúde.
Pola súa banda, os radicais libres son moléculas altamente reactivas que xeran unha desorganización, letal para a célula, nas membranas celulares do organismo humano. Son producidos na maioría de células corporais a través do propio metabolismo celular e pola acción de axentes tóxicos. Existen dous tipos de radicais, os internos (producidos polo exercicio intenso, ou estrés) e os externos (mala dieta, consumo de tabaco e alcohol, medicamentos, contaminación ou exceso de exposición solar).
Aínda que a concentración axeitada dos radicais achega beneficios na loita do organismo contra bacterias e virus e na regulación da estrutura e función das proteínas, o problema xorde cando a súa concentración é moi elevada xa que afectan directamente á saúde.
Os seus efectos materialízanse no avellentamento debido á súa acumulación ao longo dos anos, o que ten como consecuencia que a membrana das células epiteliais se modifica dificultando a nutrición da pel e provocando que perda firmeza e elasticidade. Ademais, o fenómeno asóciase con problemas no sistema cardiovascular, xa que o exceso de radicais favorece a arteriosclerose por endurecemento das paredes celulares, e con problemas no sistema nervioso, ao diminuír o impulso nervioso, os reflexos, a memoria e a aprendizaxe.
A investigación neste campoNos últimos anos tense investigado cientificamente o papel que xogan os antioxidantes nas patoloxías cardiovasculares, en numerosos tipos de cancro, na Sida e incluso noutras directamente asociadas co proceso de avellentamento, como as cataratas ou as alteracións do sistema nervioso. Estes estudos céntranse principalmente nas vitaminas C e E, beta-carotenos, flavonoides, selenio e zinc. Segundo os integrantes desta Rede, a relación entre estes axentes antioxidantes e as enfermidades cardiovasculares e, probablemente, as cerebrovasculares, está hoxe en día suficientemente demostrada.
Os investigadores sinalan ademais que a modificación do denominado "colesterol malo" (LDL-c) desempeña un papel fundamental tanto na iniciación como no desenvolvemento da arterioesclerose (engrosamento e dureza anormal das cubertas internas dos vasos sanguíneos debido a un depósito de material graxo, que impide ou dificulta o paso do sangue). Neste senso, os antioxidantes poden bloquear os radicais libres que modifican o colesterol malo, reducindo así o risco cardiovascular. Por outra banda, os baixos niveis de antioxidantes poden constituír un factor de risco para certos tipos de cancro.
A pesar de que a inxesta de alimentos ricos en antioxidantes diminúe o risco de certas patoloxías, estes non modifican o normal deterioro que conleva a vellez nin permiten unha vida máis longa. A este respecto e segundo os investigadores da rede, demostrouse que la suplementación a altas doses con preparados de antioxidantes mesmo pode resultar contraproducente.
Os investigadores consideran que aínda é pronto para asegurar sobre a conveniencia respecto da achega de suplementos antioxidantes diariamente, xa que se descoñecen as doses adecuadas. Fronte isto, os expertos consideran que o máis axeitado é seguir unha alimentación variada e equilibrada, na que non falten os vexetais ao tempo que non abusar de suplementos nin de alimentos enriquecidos con antioxidantes, xa que poderían resultar contraproducente.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.11.2007.