Concurso de selección de oito profesores substitutos con cargo ao Programa de Promoción da Intensificación da actividade investigadora no Sistema Universitario de Galicia
A Universidade de Santiago está a celebrar os concursos de selección de oito profesores substitutos cuxos contratos se financian con cargo ás axudas do Programa de Promoción da intensificación da actividade investigadora no Sistema Universitario de Galicia (DOG 12-09-07).
En concreto, os profesores que acadaron financiamento con cargo a esta convocatoria pertencen ás áreas de Arquitectura e Tecnoloxía de Computadores; Farmacoloxía; Electromagnetismo; Lingua Española; Literatura Española; Química Orgánica e Dereito Civil.
O programa da Consellaría de Educación contempla axudas orientadas á retribución ou compensación económica aplicable á substitución da actividade docente do profesor que intensifica a súa actividade investigadora, pero tamén para a contratación de persoal de apoio para o desenvolvemento, xestión ou promoción da actividade investigadora; a cobertura dos custes de expertos ou investigadores de alto nivel que puidesen ser necesarios para o desenvolvemento da investigación; ou para atender outros gastos que se deriven do proceso de intensificación da investigación.
Na convocatoria aberta para o presente ano 2007, acadaron financiamento deste Programa de promoción da intensificación da actividade investigadora un total de catorce docentes da USC.