O III Congreso da Sociedad Española de Farmacogenética e Farmacogenómica inaugúrase este venres
Máis de trescentos expertos asisten este venres, día 16, e o sábado 17 ao III Congreso da Sociedad Española de Farmacogenética e Farmacogenómica que se desenvolverá na Facultade de Medicina co obxecto de analizar a actualización destas disciplinas, intercambiar novas experiencias na aplicación práctica e establecer colaboracións científicas e de interacción coa industria.
Tanto a farmacoxenética -estudo das variacións en ADN que explica a diferente resposta individual aos fármacos- como a farmacoxenómica –aplicado ao ARN e, por extensión, á busca de novas dianas con ferramentas xenómicas- son campos de grande actualidade que cada vez cobran máis auxe.
O congreso inaugurarase este venres, día 15, nun acto que dará comezo ás 9:30 horas no Salón de Actos do centro e ao que asisten o reitor da USC, Senén Barro; a conselleira de Sanidade, María José Rubio; o director xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do Sistema Universitario de Galicia, Rogelio Conde-Pumpido; o decano da Facultade, José María Fraga; e os co organizadores do congreso, os profesores Ángel Carracedo e Fernando Domínguez.
O evento reunirá en Compostela a expertos chegados de Universidades e prestixiosos centros de investigación de todo o mundo que mostrarán os últimos avances en materias relacionadas coa diversidade do xenoma humano, as variacións xenéticas nas dianas de certos fármacos ou a farmacoxenética de determinados compoñentes no tratamento de enfermidades.