A Sociedade Galega de Educación Ambiental celebra na residencia Monte da Condesa as súas quintas xornadas
Baixo a temática ‘Visións da educación ambiental en Galicia’, a Sociedade Galega de Educación Ambiental organiza os días 16 e 17 de novembro na Residencia Universitaria Monte da Condesa, as súas V Xornadas en colaboración coa Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago.
As conferencias darán comezo este venres, día 16, ás 10:00 horas no Salón de Actos coas intervencións de Rosa María Pujol, Pablo Meira e Araceli Serantes, entre outros. Pola tarde desenvolveranse os grupos de traballo sobre Equipamentos para a Educación Ambiental e Profesionalización. A xornada do venres rematará ás 21:00 horas cun espectáculo teatral-musical.
Xa o sábado ás 10:00 horas terá lugar un contraste de experiencias en Educación Ambiental impartido por Agustín Pons, Isidoro García e Teresa Pastrana para continuar, ás 12:30, cunha charla sobre o avance en indicadores para unha Educación Ambiental de Calidade.
As xornadas, ás que os residentes da Residencia Universitaria poden asistir de balde, clausuraranse ás 14:00 horas.