Pasar al contenido principal

A astrodinámica e a navegación espacial centran dúas conferencias este xoves en Santiago

Pronunciaraas Alberto Abad Medina, do Grupo de Mecánica Espacial da Universidade de Zaragoza

O profesor Alberto Abad Medina, do de Mecánica Espacial da Universidade de Zaragoza, impartirá este xoves, día 22, dúas conferencias na Facultade de Matemáticas, organizadas polo Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC e financiadas polo Ministerio de Educación e Ciencia. A primeira enmárcase nas actividades do 50 Aniversario da Licenciatura de Matemáticas e a segunda na Semana da Ciencia 2007.
‘Astrodinámica = Astronomía + Matemáticas’ é o título da conferencia que o profesor Abad impartirá este xoves ás 13:00 horas na Aula Magna da Facultade. Na súa intervención explicará como o intento de resolver por que se moven os astros ten sido transcendental para o desenvolvemento da Ciencia. O que comeza coa observación e a Astronomía, sinala o profesor zaragozano, acaba converténdose “nunha disciplina científica propia, a Mecánica Celeste, que xurde da interacción entre a Astronomía e as Matemáticas e cuxas preguntas levaron aos más ilustres científicos ao desenvolvemento de novos e cada vez máis complexos métodos matemáticos”. Falará tamén de dous inventos de metade do século XX como son o ordenador e o satélite artificial, “que revolucionan e amplían a Mecánica Celeste creando outra disciplina científica, a Astrodinámica, que herda parte dos problemas da anterior e engade novos retos que están esixindo de novo novas técnicas matemáticas”.
Navegación especialXa enmarcada nos actos da Semana da Ciencia 2007, ás 19:00 horas tamén na Aula Magna do centro Alberto Abad pronunciará a conferencia ‘Medio século de navegación espacial’, co gallo da celebración o pasado mes de outubro do quincuaxésimo aniversario do lanzamento ao espazo do primeiro satélite artificial terrestre. Segundo explicará no seu relatorio, as consecuencias do desenvolvemento tecnolóxico derivado da conquista espacial alcanzaron á maior parte dos ámbitos da vida cotiá do ser humano. O que comezou por un soño de conquista espacial, argumenta, foi condicionado por factores científicos, económicos e políticos “que unha vez analizados nos permiten entender moito mellor o momento actual e as perspectivas de futuro da industria do espazo”. Na conferencia analizaranse algúns destes aspectos, fundamentalmente os científicos, e reflexionarase sobre os beneficios que o desenvolvemento e a inversión no espazo poden traer para o home.
Alberto AbadDoutor en Matemáticas pola Universidade de Zaragoza, Alberto Abad realizou estudos posdoutorales no US Nacional Institute of Standards and Technology. Dende 1983 é profesor titular de Universidade na Universidade de Zaragoza. É membro da Sociedade española de Astronomía (SEA), da Sociedade Española de Matemática Aplicada (SEMA), do Instituto Universitario de Matemáticas e Aplicacións da Universidade de Zaragoza e da Unión Astronómica Internacional.
A súa investigación céntrase nas áreas da Mecánica Celeste, a Astrodinámica e o Cálculo simbólico, eidos nos que dirixiu varias teses e tesiñas. É autor de varios libros e publicou un gran número de artigos de investigación tanto en revistas nacionais como internacionais. Participou en numerosos proxectos, todos eles relacionados coa investigación en Astrodinámica, máis concretamente no desenvolvemento de teorías analíticas do satélite artificial.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.11.2007.