Pasar al contenido principal

Comeza en Lugo o I Encontro de Poesía Galega, que se difundirá por RNE

Participan dezaoito autores de recoñecido prestixio

O I Encontro de Poesía Galega comeza este xoves 29 en Lugo organizado coa colaboración da USC, do Concello lucense, o Ministerio de Cultura, a Consellaría de Cultura e de Radio Nacional de España con motivo da celebración do VII aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.
Nesta iniciativa cultural, que se prolongará ata o venres 30 no Salón de Actos da Deputación Provincial, participan un total de 18 poetas galegos de prestixio e recoñecidos dentro e fóra da Comunidade Autónoma, que ofrecerán a súa arte neste encontro que se difundirá por RNE para todo o territorio nacional.
O encontro abrirá o xoves 29 ás 12:00 horas coa inauguración do Encontro por parte de José López Orozco e rematará o venres, día 30, data central do aniversario da declaración, coa presenza do ministro de Cultura, César Antonio Molina. Este mesmo día estará en Lugo a cantante María Dolores Pradera que dará un concerto no Auditorio Gustavo Freire a partir das 21:00 horas.
O obxectivo destas xornadas é promocionar a poesía galega, fomentar a súa lectura e analizar a situación na que se atopa na actualidade en Galicia. O sector editorial estará representado por Manuel Bragado de Edicións Xerais e Carlos Lema de Editorial Galaxia.
Cada unha das tres sesións nas que se divide o encontro, e que durarán preto de dúas horas, contarán coas interpretacións musicais dos cantautores Fran Pérez, Xabier Díaz e Luis Emilio Batallán. A primeira sesión, será o xoves 29 ás 12:00 horas e contará coa participación dos poetas Yolanda Castaño, María do Cebreiro, Suso Pensado, Luz Pozo Garza e Claudio Rodríguez Fer. Na segunda, tamén o xoves ás 19:00 horas, participarán os poetas Xosé María Álvarez Cáccamo, Manuel Álvarez Torneiro, Arcadio López-Casanova, Chus Pato, Ana Romaní e Xavier Seoane.
Finalmente, na terceira e última sesión, o venres ás 19.00 horas, estarán Vicente Araguas, Darío Xohán Cabana, Miguel Anxo Fernán-Vello, Ramiro Fonte, Salvador García-Bodaño, Luís González Tosar e Manuel Rivas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.11.2007.