Pasar al contenido principal

Clausúranse esta tarde en Dereito as xornadas sobre o Alzheimer organizadas polo Seminario Mulleres e Universidade no marco da Semana da Ciencia

O Seminario Mulleres e Universidade (SMU) da USC clausura na tarde deste venres 30 o ciclo de conferencias e mesas redondas ‘O dobre impacto do Alzheimer: enfermidade e dependencia’, coa que se sumaba ás accións da Semana da Ciencia 2007.
O remate chega esta tarde, ás 18:00 horas na Aula Magna do centro, co desenvolvemento dunha mesa redonda na que diversos expertos da Asociación Galega para a Axuda dos Enfermos de Alzheimer (Agadea), xunto coa profesora da USC Monserrat Nogueira, ofrecerán unha visión global da enfermidade. Da asociación participarán a súa presidenta, Isabel Gey Pérez; os psicólogos David Facal Mayo e Esther Prado Morandeira; e a enfermeira e logopeda Gladys Castro Perez.
Con esta actividade, o SMU pretendía chegar á poboación universitaria e á sociedade en xeral unha mensaxe clara da enfermidade de Alzheimer articulada en dúas seccións, a propia enfermidade e a problemática xeral xerada pola enfermidade. Deste xeito, analizouse o descubrimento da enfermidade, síntomas, diagnóstico e investigación científica desenvolvida na materia, en particular en España, e os descubrimentos actuais sobre as súas causas e tratamentos.
Xa noutra parte do ciclo abordouse a toma de conciencia pola sociedade da magnitude da enfermidade; a situación actual no ordenamento xurídico dos enfermos e as súas condicións de vida, así como a percepción social dos seus efectos.
O SMUO Seminario Mulleres e Universidade da USC formouse en 2002 cun grupo de mulleres sensibilizadas polos temas de igualdade de xénero e co ánimo de promocionar a igualdade entre homes e mulleres en todos os niveis de actuación da institución compostelá, impulsando e reclamando a creación de políticas universitarias que fomenten unha igual participación e representación en tódolos ámbitos de toma de decisións.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.11.2007.