Pasar al contenido principal

O Comité de Finanzas do Observatorio Pierre Auger reúnese este venres en Santiago

O grupo de investigación de Astrofísica de Partículas da USC, que dirixe Enrique Zas, participa activamente no labor do Observatorio, o maior do mundo

O profesor da USC Enrique Zas participa este venres 30 na xuntanza que o Comité de Finanzas do Observatorio Pierre Auger vai celebrar no Hostal dos Reis Católicos. Na xuntanza estarán presentes representantes das axencias de financiamento dos 17 países implicados nesta gran colaboración. De España, ademais de Enrique Zas, participará tamén o xestor do Plan Nacional de Física de Partículas e Aceleradores, Juan Fuster.
O grupo de investigadores de astrofísica de partículas dirixido por Zas participa moi activamente no labor desenvolvido por este observatorio emprazado na localidade arxentina de Mendoza. Un dos primeiros resultados deste centro puxo de relevo que as partículas más enerxéticas que se reciben na Terra son de orixe extragaláctico e proceden de rexións nas que existen núcleos activos de galaxias.
Neste senso, os resultados publicados recentemente na prestixiosa revista Science abren un gran número de posibilidades nesta disciplina a cabalo entre a física de partículas, a astrofísica e a cosmoloxía. A observación destas partículas posibilita unha nova forma de facer astronomía permitindo ademais o estudo de interaccións entre partículas elementais a enerxías inalcanzables nos grandes aceleradores de partículas en proxecto.
Estes resultados serán un dos temas centrais de discusión por parte do Comité de Finanzas que, ademais do progreso científico, supervisa tamén todos os aspectos prácticos do proxecto, dende a construción do observatorio, próxima a rematar, ata o funcionamento da colaboración internacional que o leva a cabo.
O Pierre Auger, o maior observatorio do mundo, cubre con 1600 detectores de partículas unha superficie de 3.000 km cadrados (equivalente á provincia de Pontevedra) e dispón de 24 telescopios para observar o volume de aire sobre esta superficie así como detectar a débil traza de luz de fluorescencia que queda na atmosfera cando chega unha destas partículas tan enerxéticas.
O custe deste proxecto aproxímase aos 40 millóns de euros e para o seu funcionamento anual require uns 800.000 euros. España participou na construción dos sistemas de potencia baseados en paneis solares fotovoltaicos.
Conferencia de Alan Watson en FísicaO profesor Alan Watson, da Universidade de Leeds, portavoz e director da colaboración Pierre Auger, estará tamén nesta reunión e ofrecerá unha conferencia na Aula Magna da Facultade de Física o vindeiro luns, día 3 de diciembre, ás 12:00 h, sobre os últimos resultados logrados polo observatorio e recentemente publicados en Science.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.11.2007.