A Facultade de Farmacia repasa a historia desta disciplina a través da filatelia nunha exposición que se abre este mércores en Mazarelos
A Facultade de Farmacia da USC prosegue o programa de actos conmemorativos do 150 aniversario da súa creación coa inauguración este mércores, día 7, ás 20:00 horas, da exposición ‘Historia da Farmacia a través da Filatelia’ que permanecerá aberta ao público na Facultade de Filosofía (Praza de Mazarelos) ata o vindeiro día 23.
Ao acto inaugural asistirá no vicerreitor de Cultura, Elías J. Torres Feijó; o decano da Facultade de Farmacia, José Miñones Trigo; o coleccionista e prestador das pezas, Vicente Baixauli Comes; o presidente da Asociación de Filatélicos de Santiago, José Guitián Seijo, así como membros do equipo decanal de Farmacia e Filosofía.
En total expóñense 192 pezas pertencentes á colección do doutor Vicent Baixauli Comes agrupadas en sete grandes apartados que responden aos temas ‘Orixes da arte de curar: primeiras civilizacións’, ‘Idade Media: separación da Medicina e a Farmacia’, ‘Renacemento: Transcendencia cultural e científica’, ‘Avances científicos: as ciencias naturais’, ‘A Farmacia contemporánea’, ‘A Farmacia actual’ e ‘A Farmacia en Galicia’.
O obxecto desta iniciativa é narrar a historia da Farmacia a través de motivos postais (selo, cuños ou sobres) que expresen a súa evolución ao longo do tempo mostrando a riqueza de facetas ligadas a esta disciplina, así como a súa estreita relación cos sociedade. Así, a colección preséntase dun xeito cronolóxico, acometendo diferentes vertentes e expresións da Farmacia a través da Historia.
Segundo os promotores desta iniciativa, esta mostra “non é unha simple colección de selos”, xa que a filatelia abrangue tamén os textos impresos nos sobres ou soportes así como os cuños, superando a filatelia tradicional para xuntarse coa Historia Postal e abrir o abano a outras fontes de estudo e investigación filatélicas.