Pasar al contenido principal

A Fundación CEER reuniuse en Portugal para coordinar as actividades do proxecto europeo Campus en Rede

De esquerda a dereita, Ana Dorotea Tarrio, Leandro da Silva, José Manuel García, Manuel Antonio Araújo, Lilia Macierinha, Eduardo Augusto dos Santos, Miguel Sopas de Melo e Carlos Ferrás
De esquerda a dereita, Ana Dorotea Tarrio, Leandro da Silva, José Manuel García, Manuel Antonio Araújo, Lilia Macierinha, Eduardo Augusto dos Santos, Miguel Sopas de Melo e Carlos Ferrás

O Secretariado Común de Xestión da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER) reuniuse a pasada semana en Vila Real (Portugal) para tratar a coordinación do desenvolvemento do proxecto europeo Campus en Rede, enmarcado no programa Interreg III que financia a Unión Europea.
A xuntanza tivo como anfitrión ao vicerreitor de Investigación e Cooperación da Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro, Eduardo Augusto dos Santos, contando ademais coa presenza do director e do secretario xeral do CEER, os profesores Carlos Ferrás Sexto e Miguel Sopas de Melo, respectivamente; o prorreitor da Universidade de Porto, Manuel Antonio Araújo da Silva; os vicerreitores Leandro da Silva Almeida, da Universidade de Minho, e Ana Dorotea Tarrio, da Coruña; o director do Comisionado de Plans Estratéxicos da Universidade de Vigo, José Manuel García Vázquez; e a técnica antena do CEER na Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro, Lilia Macierinha.
Na reunión avaliáronse todas as actividades que se están a desenvolver no transcurso do proxecto Campus en Rede, que inclúe a organización e celebración do curso de formación ‘Integración e Desenvolvemento sostible’. Trátase dun curso transfronteirizo cun alto compoñente práctico, formado por seis módulos de 20 créditos (10 de docencia teórica, 6 de docencia práctica e 4 dunha memoria titorizada), cada un deles impartido nunha das seis universidades do CEER.
Outra das cuestións a tratar foi a convocatoria Axudas Estudos Estratéxicos-Redes e Sesións Científicas, creadas co obxecto de fomentar a organización de eventos que versen sobre temáticas relacionadas co desenvolvemento económico, social, territorial e cultural da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Todas as actividades seleccionadas encádranse dentro de dúas liñas temáticas, como son a de desenvolvemento urbano, rural e turístico ou a que se relaciona coas novas tecnoloxías e a sociedade da información.
Museo VirtualAs oficinas do CEER e os seus colaboradores continúan a traballar no Museo Virtual Universitario do CEER, que permitirá aos investigadores e á comunidade universitaria en xeral acceder á información científica dispoñible nos museos da Eurorexión mediante un portal web que disporá dun sistema multimedia avanzado (buscador, imaxes, vídeos, son dixital, animacións, 3D, Realidade Virtual, ...). Nos vindeiros meses ultimaranse as últimas aplicacións que permitirán o acceso universal aos seus servizos.
O Secretariado Común de Xestión tamén tamén moi positivamente a creación da nova revista científica Estudos Eurorrexionais, na que participan todas as entidades universitarias públicas de Galicia e o norte de Portugal. A publicación, de carácter estritamente científico, dará acubillo a artigos científicos de interese xeral, facendo fincapé na divulgación dos coñecementos científicos xerados no entorno das seis universidades da eurorrexión.
Web do CEERPor outra banda, na xuntanza de Vila Real presentouse o novo web do CEER, instrumento de comunicación común para xestionar servizos telématicos avanzados dirixidos a unha comunidade universitaria conformada por 160.000 estudantes e 10.000 profesores. A páxina ofrece un sistema de xestión da información e do coñecemento a partir dun xornal e axenda electrónica especializada no eido universitario, un centro de documentación e a revista Estudios Eurorrexionais; un avanzado sistema de formación on line. Inclúe tamén o Museo Universitario Virtual con acceso universal ao acerbo académico científico universitario sobre historia natural e patrimonio cultural das seis universidades públicas galegas e do norte de portugués e unha potente base de datos especializada na localización e potenciación dos grupos de investigación interuniversitarios.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.02.2007.