Pasar al contenido principal

A Facultade de Farmacia iniciou oficialmente os actos conmemorativos do 150 aniversario da súa creación

A inauguración da galería de decanos do centro abriu o programa de celebracións

A inauguración do 150 aniversario da creación da Facultade de Farmacia celebrouse, hoxe venres neste centro universitario, nun acto presidido polo reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, e ao que tamén asistiron os vicerreitores de Relacións Institucionais, Lorenzo Fernández Prieto; da Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José Manuel Mayán, e de Cultura, Elías J. Torres; o decano da Facultade, José Miñones; o director xeral de Ordenación e Calidade do SUG, Ramón Leis; o presidente do Consello Social, Manuel Puga, e o presidente da Conferencia Nacional de Decanos de Facultades de Farmacia, Agustín García.
No transcurso do acto oficial, o reitor subliñou a importancia dunha das facultades máis antigas de España e agradeceu o labor da Comisión Organizadora, "que é excepcional, coma a de todas as persoas, organizacións e institucións que contribúen ao desenvolvemento destes actos". Segundo o reitor, a conmemoración do 150 aniversario non só vai servir para repasar o pasado, senón que terá repercusión na proxección e na forma de ver a Facultade e os estudos de Farmacia no futuro.
Senén Barro referiuse tamén ás persoas relevantes que saíron deste Centro e ao papel das reboticas como lugares de contribución ao enriquecemento cultural en diversos aspectos como os sociais, literarios ou musicais. O reitor lembrou ás decanas do Centro Ana María Galarza, quen exerceu temporalmente o decanato en 1979, e a Isabel Suárez Gimeno (1995-2004) e destacou que, no ano 1921, matriculouse en Farmacia en Santiago de Compostela por primeira vez unha alumna. Na actualidade, o 86% dos estudantes do centro son mulleres.
O decano repasou a historia deste centro que se estableceu en 1857 en virtude da promulgación da Lei Moyano e falou sobre a importancia destes estudos que, con máis de dez mil alumnos ao longo destes 150 anos, incidiu no desenvolvemento da USC e da cidade de Santiago dende os seus comezos no Colexio de Fonseca. Tamén recalcou a importancia do primeiro decano de Farmacia, Antonio Casares, quen, ademais de farmacéutico e químico, era médico cirurxián e doutor en Filosofía. Non obstante, Miñones lembrou que estas clases se impartiron por vez primeira na capital galega en 1815 no Colexio de San Carlos ata que, en 1821, pechou esta institución.
Miñones Trillo repasou as actividades que se levarán a cabo para celebrar este aniversario, facendo fincapé na edición dun libro que recolla a historia do centro, a celebración dun congreso científico multidisciplinar, un encontro de antigos alumnos que celebrará en Santiago a 39 edición da súa asemblea anual, competicións deportivas e concertos musicais, entre outras moitas iniciativas.
‘O triunfo da Farmacia’Durante a inauguración, o catedrático de Bioquímica e Bioloxía Molecular da Universidade de Barcelona, Joan Guinovart, pronunciou a conferencia ‘O triunfo da Farmacia’ na que explicou a evolución histórica desta disciplina dende que os primeiros boticarios producían medicamentos a partir de substancias naturais fundando as empresas pioneiras que chegaron ata a actualidade. A continuación, falou da influencia da Química, Microbioloxía, Bioloxía ou da Xenética no forte incremento da investigación sobre fármacos no último século.
Asemade, o docente catalán subliñou a importancia da I+D desta disciplina en España que actualmente “ten unha oportunidade histórica para constituírse como país avanzado”, capaz de competir co norte de Europa e de xeito mundial. Guinovart tamén destacou que fomentar a investigación farmacéutica de calidade e competitiva asegurará o crecemento económico xeral do Estado.
O conferenciante concluíu que, para conseguir a mellora da farmacia, cómpre que os gobernantes se impliquen no seu desenvolvemento, facer atractiva a ensinanza desta disciplina para formar a un maior número de investigadores, a integración das empresas nos contornos dos parques científicos e tecnolóxico e conseguir que a sociedade sexa consciente da importancia dos beneficios da investigación nesta ciencia.
Inauguración da galería de decanosCon anterioridade á celebración deste acto académico, que contou tamén cunha ampla representación de decanos das facultades de Farmacia de España e de decanos e directores de centros da Univesidade de Santiago de Compostela, os asistentes inauguraron a Galería de Decanos coa que se quere homenaxear a todos os responsables deste Centro compostelá dende o seu nacemento da man de Antonio Casares y Rodríguez.
A relación de decanos da Facultade de Farmacia da USC dende a súa creación é a seguinte:
1857-1861 Antonio Casares y Rodríguez

1861-1865 Jaime Forn y Segura

1865-1866 Esteban Quet Puigvert

1866-1975 Antonio Brunet y Talleda

1875-1876 Salustiano Aseguinolaza

1876-1877 Fausto Garagarza y Dugiols

1877-1883 Salustiano Aseguinolaza

1883-1888 Esteban Quet Puigvert

1888-1889 Ramón Agelet Casanova

1889-1890 Salustiano Aseguinolaza

1890-1894 Eduardo Talegon de las Heras

1895-1918 Sandalio González Blanco

1918-1941 Antonio Eleizegui López

1941-1942 Taurino Mariano Losa

1943-1958 Jaime González Carreró

1958-1961 Francisco Bellot Rodríguez

1961-1971 Aniceto Charro Arias

1971-1971 Benito Regueiro Varela

1971-1974 Pablo Sanz Pedrero

1975-1978 Francisco Guitian Ojeda

1978-1979 Benito Regueiro Varela

1979-1979 Antonio Martínez Fernández

1979-1979 Ana María Galarza Basanta

1979-1986 José María Calleja Suárez

1986-1989 José Andrés Cañadell

1989-1995 Enrique Raviña Rubira

1995-2004 María Isabel Suárez Gimeno

2004- José Miñones Trillo

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.02.2007.