Mil oitocentos estudantes de ensino medio visitarán a USC a partir da vindeira semana
Preto de 1.800 estudantes de trinta centros de Ensino Medio de Galicia acudirán á Universidade de Santiago os vindeiros días 27 e 28 de febreiro, 1 de marzo e 23 e 24 de abril nunha actividade enmarcada nos Encontros do Ensino Medio e a USC do programa ‘A Ponte’. Estes encontros pretenden ofrecer aos alumnos de bacharelato e ciclos formativos de Galicia unha oportunidade de coñecer de cerca a Universidade e ter un primeiro contacto cos seus campus, dándolles a opción a elixir entre 15 percorridos diferentes en Santiago e 7 en Lugo.
Nesta primeira quenda participan preto de 1.800 estudantes pertencentes a trinta centros de Ensino Medio dos que 23 son de a provincia da Coruña, 1 de Lugo e 6 de Pontevedra.
Durante a mañá cada percorrido deseñouse de xeito que os futuros universitarios reciban in situ a información relativa ás titulacións que se imparten neses centros, visiten as instalacións e dependencias propias de cada un, e poidan recibir unha primeira impresión do que é un día na vida dos universitarios.
Así, no Campus Norte de Santiago os participantes dos encontros poden elixir entre 5 percorridos diferentes: Filoloxía e Ciencias da Comunicación; Ciencias Económicas e Empresariais; Ciencias da Educación (Mestres) e Escola de Traballo Social; Enfermaría, Medicina e Odontoloxía; e Xeografía e Historia e Filosofía. Xa no Campus Sur poderán visitar outros cinco: Dereito, Relacións Laborais e Ciencias Políticas e Sociais; Química e Física; Bioloxía e Farmacia; Matemáticas e Escola Técnica Superior de Enxeñaría; e Óptica e Optometría.
Os percorridos da tarde están especialmente pensados para que os visitantes coñezan o patrimonio histórico e cultural da USC así como os Institutos de Investigación e centros asociados. Deste xeito, os estudantes poderán escoller entre visitar o patrimonio histórico da Universidade, o Museo Luís Iglesias, o Centro Superior de Hostalaría de Galicia ou os institutos de investigación.
O Programa A Ponte coordina a organización das visitas solicitadas polos centros de Ensino Medio de toda Galicia contando cos bolseiros de Sostibilidade da USC para acompañar aos participantes no desprazamento ás Facultades e Escolas Universitarias, onde os reciben os responsables asinados polos centros para esta actividade.