O catedrático da USC Xavier Vence organiza unha xornada técnica sobre a situación actual do sector naval e 'offshore'
O catedrático de Economía Aplicada da USC Xavier Vence organiza unha xornada técnica na que se analizará dende o punto de vista económico e da enxeñaría naval a actual situación do sector naval e offshore e as posibles liñas de actuación neste ámbito.
Segundo os seus organizadores a organización deste encontro, que se vai celebrar o luns 26 no Hotel Monumento San Francisco, xurde diante do interese espertado en toda a sociedade galega por un mellor aproveitamento das instalacións produtivas do Asteleiro de Navantia Fene. Esta xornada está promovido pola Área de Economía do Seminario de Estudos Galegos e o Colexio e Asociación de Enxeñeiros Navais e Oceánicos (COINGA) co financiamento da Consellaría de Innovación e Industria.
A inauguración do encontro celebrarase o luns a partir das 10:00 horas nun acto ao que está prevista á asistencia do conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Xavier Blanco Álvarez. Deseguido, o decano territorial do COINGA, Guillermo Gefaell Chamochín, e o catedrático Xavier Vence farán unha introdución e a correspondente presentación das xornadas. O programa continuará coa intervención do vicedecano territorial do COINGA, Alfonso García Ascaso, titulada ‘Consideración sobre a construción naval en Galicia. O caso de Ferrolterra’. A quenda da mañá completarase co relatorio presentado polo presidente da AINE, José Esteban Pérez García, sobre a ‘Situación do mercado mundial da construción naval e Offshore. Perspectivas a medio prazo. Asteleiros competidores a nivel mundial’.
A xornada reanudarase a partir das 16:00 horas cun relatorio dos enxeñeiros navais Francisco de Bartolomé Gijosa e Santiago Martín Criado titulado ‘A industria Offshore. Características, liñas actuais de investigación e alternativas de novos produtos. A quenda de intervencións rematará coa presenza do profesor da Universidade da Coruña Ramón Yánez Brage para falar sobre o futuro de Astano-Barreras. A celebración dunha mesa redonda e a presentación de conclusións porán fin á celebración desta mesa redonda.