Pasar al contenido principal

A sétima edición da Semana Internacional de Tecnoloxía e Negocios clausúrase este xoves na Facultade de Ciencias da Comunicación

Neste bloque intervirán, entre outros, o conselleiro delegado de Vodafone e os tres reitores galegos

A sétima edición da Semana Internacional de Tecnoloxía e Negocios celebrará este xoves 8 na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC a súa derradeira xornada, dedicada ao tema ‘Management e Sociedade da Información’. O programa de actividades deste foro especializado volve a Santiago despois de percorrer as universidades de Coruña e Vigo os pasados días.
Logo do acto de apertura presidido polo decano do centro, Miguel Túñez, acompañado do presidente do Foro e-Gallaecia, Marcelo Castelo, o bloque temático comezará ás 10:00 horas coa presenza do responsable do informe anual da Sociedade da Información en España (Teléfonica), Antonio Castillo Holgado para falar sobre a Sociedade da Información como motor do desenvolvemento económico. Deseguido, o conselleiro delegado de Vodafone España, Francisco Román, presentará unha intervención sobre ‘A mobilidade como demanda dos clientes’. Completando a sesión matinal, o abogado de J&A Garrigues, Ferrán Escayola, reflexionará sobre a importancia do Business Angel na economía de Estados Unidos, mentres que o director editorial de 20 minutos, Arsenio Escolar, disertará sobre as novas ferramentas para a comunicación.
Ameazas e oportunidades da Sociedade da Información en España e en Galicia, serán os temas a tratar no arranque das intervencións da sesión da tarde, a partir das 16:00 horas, coa participación da directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información da Xunta de Galicia, María Helena Veiguela, e do director xeral da Sociedade da Información do Ministerio de Industria, David Cierco Jiménez de Parga.
A partir das 17:00 horas, comezará unha mesa redonda dedicada ao tema ‘Sociedade da Información e Innovación: vantaxe competitiva das nacións’, na que participarán ademais dos anteriores relatores os reitores das tres universidades galegas, Senén Barro, José Mª Barja e Alberto Gago. A clausura oficial do encontro celebrarase a partir das 18:30 horas nun acto no que está prevista a presenza de membros do Comité de Honra e do conselleiro de Economía, José R. Fernández Antonio.
A Semana InternacionalPromovida dende a súa orixe pola USC, a Semana Internacional de Tecnoloxía e Negocios abriuse este ano á participación activa das outras dúas universidades galegas que acolleron cadansúa sesión do programa previsto. Neste senso, esta sétima edición aspira a consolidar ao encontro como o acontecemento anual de referencia no eido da Sociedade da Información en Galicia.
A Semana Internacional de Tecnoloxía e Negocios é unha actividade de carácter anual promovida pola Fundación Sabiria e organizada polo Foro e-Gallaecia, entidade da que a USC é socia fundadora, cuxa finalidade é o desenvolvemento da Sociedade da Información. Ao longo das pasadas edicións, os contidos deste encontro internacional captaron dunha maneira evolutiva o interese e asistencia de tecnólogos, tanto directivos como técnicos, convertendo este foro tecnolóxico no punto de encontro máis prestixioso para a actualización anual de coñecementos neste eido. De feito, algúns profesionais das TIC consideran que este encontro é cualitativamente o máis importante da Península Ibérica.
Entre os seus obxectivos, a Semana pretende conseguir o máximo impacto social a través da socialización do coñecemento; manterse de forma consolidada como o punto de encontro anual en Galicia entre sociedade, empresarios, universidade e administración pública; seguir sendo o aglutinador do debate intelectual de técnicos e directores de tecnoloxía; e promover o acceso ao coñecemento tecnolóxico de Galicia.
O programa deste ano incluía como vén sendo habitual catro bloques temáticos sobre seguridade, bases de datos e programación, que se desenvolveu en Santiago de Compostela; software libre, na Universidade da Coruña; mobilidade e telecomunicacións, na Universidade de Vigo; e management e sociedade da información, novamente na USC.
Anteriores ediciónsAo longo das anteriores seis edicións, máis de 2.500 persoas pasaron pola Semana Internacional de Tecnoloxía e Negocios entre personalidades, relatores, asistentes e membros da organización. Deste total, preto de 2.200 foron os asistentes que acudiron ano tras ano á súa cita con este foro tecnolóxico.
En total, foron máis de 330 horas de relatorios, mesas redondas e debates con máis de 340 relatores ao longo de todos estes anos entre os que se atopaban os máis altos cargos da banca galega; representantes das principais empresas galegas e das maioría das delegacións de multinacionais establecidas en Galicia; directores xerais en España e Portugal de empresas multinacionais do sector tecnolóxico como Microsoft, Oracle, 3Com, Novell, IBM, Intel, Sun ou Vodafone; así como ‘gurús’ nacionais e internacionais sobre as materias abordadas.
Na lista de conferenciantes da Semana Internacional de Tecnoloxía e Negocios atópanse nomes propios como os de Emilio Ontiveros, catedrático de Economía da Empresa; Marcelo D’Elia Branco, asesor da Presidencia da República de Brasil para a Sociedade da Información e impulsor do proxecto ‘Software Livre Brasil’; Mark Shuttleworth, sudafricano que se fixo multimillonario ao vender a súa tecnoloxía a Verisign e que empregou parte da súa fortuna en ser o segundo turista espacial da nave ‘Soyuz’; Enrique Dans, director da Área de Sistema se Tecnoloxías da Información do Instituto de Empresa; Jorge Valdano, ex futbolista e conferenciante sobre temas relacionados coa xestión empresarial; Piotr Sobolewski, especialista en sistemas informáticos de seguridade e creador da revista ‘Hakin9 Magazine’ e membro do grupo hakin9lab; Rudolh W. Giuliani, ex alcalde de Nova York; Rosa García, conselleira delegada de Microsoft Ibérica; ou Amparo Moraleda, presidenta de IBM para España e Portugal, entre moitos outros.
Para acadar máis información, as persoas interesadas poden visitar a páxina web da Semana (http://www.e-gallaecia.com/index.asp).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.11.2007.