Pasar al contenido principal

A identidade da Universidade de Santiago de Compostela exponse no Colexio de Fonseca

Dentro da liña de produción propia de exposicións da USC, a Vicerreitoría de Cultura en colaboración co Departamento de Arte inaugurou este mércores no Colexio de Fonseca a mostra ‘Sigillum. Memoria e Identidade da Universidade de Santiago de Compostela’. Ao acto asistiron, entre outros, o reitor da USC, Senén Barro; o vicerreitor de Cultura, Elías Torres; o director xeral de Patrimonio Cultural, Felipe Arias; e os comisarios da exposición, José Manuel López Vázquez e Juan Monterroso.
A selección de obras expostas, que forman parte do patrimonio artístico e literario da institución, pretenden dar a coñecer aos personaxes mais ilustres da Universidade compostelá, dende o fundador, Alonso III de Fonseca -do que podemos ver por primeira vez xuntos os tres retratos que atesoura esta Universidade- a Castelao, sen esquecer o vínculo real da USC, que se amosa a través dos retratos da raíña Isabel II e do rei Alfonso XII co obxecto de perpetuar a súa memoria.
O xénero do retrato e dos vítores, obras alegóricas coas que se loan os méritos dos fillos ilustres desta institución, era o empregado polo claustro universitario para recoñecer a aqueles personaxes cuxos méritos eran destacables e ligar deste xeito o seu nome ao da historia da Universidade.
Así, na exposición poderase ver un total de 33 obras a través dunha galería de personaxes que son só unha pequena mostra dos máis destacados nomes dos fundadores, profesores ou estudantes ao longo destes cinco séculos de historia. Permitirá apreciar ademais o resultado do proceso de restauración ao que foron sometidas moitas destas pezas polo equipo da USC, destacando a aposta da USC pola conservación do seu patrimonio.
A mostra acompáñase do libro Sigillum. Memoria e Identidade da Universidade de Santiago de Compostela, elaborado por distintos membros da Universidade de Santiago que supón un estudo pormenorizado sobre o xénero do retrato e dos vítores que conforman o patrimonio artístico da USC.
A exposición permanecerá aberta ata o 8 de abril, de martes a sábado de 11 a 14 horas e de 17 a 20.30 horas; e os domingos de 11 a 14 horas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.02.2007.