Pasar al contenido principal

A Facultade de Farmacia da USC descubre Galicia a través das últimas tecnoloxías multimedia e audiovisuais

A exhibición da mostra 'Galiciadixital' enmárcase no 150 aniversario do centro compostelán

Con motivo da conmemoración do seu 150 aniversario, a Facultade de Farmacia da USC acolle dende este luns a exposición itinerante ‘Galiciadixital’. A mostra pretende descubrir Galicia a través dunha experiencia interactiva distinta á dos museos convencionais, achegar á cidadanía as últimas tecnoloxías multimedia e audiovisuais e servir de escaparate para que as empresas do sector e as institucións galegas dean a coñecer os seus proxectos de investigación de xeito lúdico.
Ao acto de inauguración asistiron o decano do mesmo centro docente, José Miñones Trillo, e o subdirector xeral de Telecomunicacións e Audiovisual, Manuel Conde Mouzo. Na apertura, José Miñones destacou que esta é a primeira vez que ‘Galiciadixital’ visita un centro universitario. Pola súa banda, Manuel Conde felicitou aos responsables da Facultade de Farmacia pola celebración do seu 150 aniversario.
A exposición da Xunta de Galicia, que permanecerá aberta ata o vindeiro venres 27, permite ver fotografías en tres dimensións sen usar gafas especiais mediante unha pantalla autoestereoscópica e recibir explicacións dunha presentadora virtual chamada ‘Robita’.
Asemade, ‘Galiciadixital’ ofrecerá aos espectadores a visualización de imaxes topográficas en tempo real da xeografía galega, xogos en 3D e unha mesa virtual que movéndoa coas mans permite viaxar a distintas zonas de Galicia. Tamén mostra imaxes panorámicas das cidades do camiño, das rías e dos portos deportivos.
Do mesmo xeito, acolle cine en tres dimensións coa proxección dunha historia de amor entre mosquitos, un percorrido con un golfiño en submarino polas rías de Galicia e un peixe falador que amosará a variedade da fauna oculta nos mares galegos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.04.2007.