Pasar al contenido principal

O artista 'Kukas' realizará unha visita guiada á exposición do Centro de Artesanía de Lugo sobre traxectoria da súa compañía

O artista ‘Kukas’, membro da Compañía de Teatro ‘Monicreques’, visita a exposición que acolle o Centro de Artesanía de Lugo sobre a traxectoria do grupo baixo o lema ‘Facendo teatro con marionetas’. Kukas realizará unha visita guiada, o luns 23 ás 12:00 horas, acompañado polo vicerreitor de Cultura da USC, Elias Torres, e membros de Lugo Cultural, entidade organizadora da exposición.
A compañía Monicreques expón nesta mostra o proceso de creación dunha marioneta e a súa evolución dende 1979. O horario de visitas para percorrela é de 10:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 21:00 horas e existe a posibilidade de organizar visitas guiadas.
Trátase dunha exposición antolóxica na que se recolle a evolución dos espectáculos da compañía como mostra representativa da historia contemporánea do teatro con marionetas en Galicia. Nela poderemos ver o proceso de creación dunha marioneta mediante diferentes técnicas e estilos e tamén a ambientación dos bonecos como personaxes teatrais situados nun contexto escénico determinado.
A mostra permanecerá aberta ata o vindeiro 2 de maio, e con motivo da súa clausura a Compañía ‘Monicreques de Kukas’ estreará no Auditorio Gustavo Freire, ás 21:00 horas, a súa nova peza de teatro ‘Sen Título’.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.04.2007.