O Espazo de Danza da USC viaxa a Paris para participar no Festival Europeo de Danza Contemporánea L´Estudanses
O Espazo de Danza da Vicerreitoría de Cultura viaxará a Paris para participar no Festival Universitario Europeo de Danza Contemporánea L´Estudanses, que se celebra do 24 ao 28 de abril. Este encontro está organizado pola Universidade París 13 e La Maison du Théâtre et de la Danse (MTD) e se desenvolve nos campus de Bobigny e Villetaneuse da cidade francesa.
Nesta edición o encontro está dedicado á danza universitaria española, polo que, ademais do grupo da universidade compostelá que dirixe Juan Carlos Zahera, daranse cita en París representantes de universidades de Madrid e Barcelona, entre outras e compañías profesionais como a de Pedro Pauwels, a Compañía Bubulus Dansa ou DesiDelà.
L´Estudanses pretende amosar a diversidade de creacións coreográficas entre os estudantes universitarios e converterse nun punto de encontro para que os profesionais reflexionen e poñan en común os seus métodos de traballo, de creación e a problemática actual da danza contemporánea.
Ademais das actuacións previstas, tanto de grupos universitarios como profesionais, L’Estudanses ten organizadas outras actividades complementarias como talleres, exposicións, concertos e visionados cinematográficos.