As obras do maratón fotográfico do Campus de Lugo chegan a Compostela
As obras participantes no XII Maratón Fotográfico que se organiza na cidade de Lugo chegan por primeira vez a Compostela. Trátase dunha actividade anual enmarcada no programa Lugo Cultural que pretende un maior achegamento entre a Universidade de Santiago de Compostela e a cidade da muralla.
O Maratón Fotográfico naceu como unha iniciativa aberta a calquera membro da comunidade universitaria ou persoas alleas a elas que asistían aos cursos da Aula de Fotografía do Campus de Lugo. Compoñen a mostra un total de 25 obras que se inscriben en varias categorías como ‘O Lugo rural’ ou ‘O mundo laboral’, entre as que se poden ver as premiadas.
A exposición, que estará aberta a partir deste martes, día 6, percorrerá tres sedes no Campus de Santiago e poderá visitarse nos horarios de apertura dos centros. Deste xeito, a primeira en acollela será a Facultade de Filosofía ata o 25 de febreiro, a de Ciencias da Comunicación do 1 ao 15 de marzo e, por último, a Biblioteca Concepción Arenal do 13 ao 25 de abril.