Pasar al contenido principal

Os alumnos da Escola Politécnica Superior realizarán as súas prácticas en terreos da empresa Xenética Fontao

A Escola Politécnica Superior da USC acaba de asinar un acordo coa sociedade Xenética Fontao para que os alumnos deste centro lugués poidan desenvolver actividades de investigación e prácticas nas doce hectáreas que a empresa ten na zona de Esperante.
A sinatura celebrouse este venres, día 2, nas instalacións que Xenética Fontao posúe nas proximidades da cidade de Lugo nun acto no que participaron o director da EPS e o subdirector de Coordinación de Prácticas do centro, Javier Bueno e Benigno Ruíz, respectivamente, e o director de Xenética Fontao Alejandro Fernández Fernández. Tamén asistiu o delegado provincial de Medio Rural da Xunta de Galicia, Emilio López Pérez.
O acordo asinado inclúe a utilización dunha extensión de máis de doce hectáreas de cultivos forraxeiros, principalmente millo, e de abono orgánico dos touros que posúe a empresa nas súas instalacións.
O director da EPS, Javier Bueno, explicou que as prácticas que se realizarán ao abeiro deste acordo estarán relacionadas cos cultivos forraxeiros e coa xestión de residuos. Pola súa banda, o director de Xenética Fontao destacou a importancia deste acordo por abrir novas vías de colaboración coa Universidade e manifestou o seu desexo de que se incrementen no futuro.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.02.2007.