Pasar al contenido principal

Ampliar coñecementos, mellorar as posibilidades de acceso ao mercado de traballo e de promocionar laboralmente, motivos polos que os estudantes se matriculan nos cursos de posgrao

O 96 por cento dos matriculados en cursos de posgrao da Universidade de Santiago o pasado curso académico optaron por esta vía formativa co obxectivo de ampliar coñecementos específicos das súas titulacións ou de campos de estudo de interese. Ademais, sete de cada dez estudantes de posgrao da USC consideran que os masters ou cursos de especialización poden facilitar o seu acceso ao mercado de traballo e algo más da metade consideran que lle será de utilidade na súa promoción laboral.
Os datos pertencen a unha enquisa realizada polas vicerreitorías de Calidade e Planificación e de Oferta Docente e EEES para coñecer a opinión dos estudantes que no curso 2005-2006 estiveron matriculados nalgúns dos cursos de posgrao ofertados pola institución docente compostelá. En total, a USC solicitou a opinión de preto de 500 matriculados, o 63 por cento mulleres, e na súa maioría cursando estudos de máster. Ademais, da consulta despréndese que preto de catro de cada dez alumnos de posgrao proceden de fóra da USC.
Nunha valoración global dos cursos recibidos, máis da metade dos consultados consideran que a formación recibida é moi ou bastante satisfactoria. Neste senso, o 70 por cento dos enquisados recomendaría a realización do curso a outras persoas. Esta última é unha das principais vías de difusión dos posgraos da USC, xa que o 35 por cento das persoas consultadas coñeceron os cursos a través de compañeiros, aínda que o 38,4 por cento obtiveron información a través da páxina web da USC.
En canto á satisfacción coa formación recibida, os estudantes de posgrao outórganlle unha nota media elevada, destacando o dominio da materia por parte do profesorado, a adecuación e actualización dos contidos do curso ou o sistema de selección do estudantado. Neste apartado, as persoas consultadas destacaron tamén positivamente as prácticas realizadas como un bo complemento dos contidos teóricos ou o material empregado no curso.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.02.2007.