A exposición fotográfica 'Onde as rúas non teñen nome' achega a Lugo a vida do pobo etíope de Gumuz
A exposición fotográfica ‘Onde as rúas non teñen nome. Unha ollada etnoarqueolóxica ao pobo Gumuz (Etiopía Occidental)’ organizada pola Vicerreitoría de Cultura se exhibe ata o 25 de febreiro na Sala Isaac Díaz Pardo de Veterinaria.
Á súa inauguración asistiron o vicerreitor de Cultura, Elías J. Torres Feijó, a vicerreitora adxunta de Infraestruturas e Servizos, Celia Besteiro Rodríguez, e a decana da Facultade de Veterinaria, Ana Bravo del Moral. No acto tamén estiveron presentes un dos fotógrafos da mostra Xurxo Ayán Vila e a organizadora da exposición Sonia García Rodríguez. Para a ocasión o grupo de teatro da USC en Lugo ‘Mosaico’ interpretou unha perfomance baseada nun texto de Claudio Rodríguez Fer.
O vicerreitor de Cultura, Elías J. Torres Feijó, insistiu en que actuacións como as de Xurxo Ayán e Sonia García “fan un gran servicio á universidade e máis á sociedade”. O fotógrafo Xurxo Ayán explicou na presentación da mostra que a sociedade Gumuz ten moitas similitudes cunha etapa pasada da sociedade galega polo que é un bo exemplo de como “a Historia e a Etnografía permítennos coñecer mellor aos demais e así coñecernos mellor a nós mesmos”. Pola súa banda, a organizadora da mostra explicou que ningunha destas fotos fora realizada cunha intención estética, senón que se fixeron como de recollida de datos.
Esta exposición retrata a vida do pobo Gumuz en Etiopía Occidental. Trátase dun grupo que vive en asentamentos de cento cincuenta a cincocentos individuos que se trasladan cada certo tempo. Practican unha agricultura de roza e queima, tendo a caza a pesca e a recolección gran relevancia para a súa subsistencia, mentres que a súa organización sociopolítica baséase na igualdade. Nas fotografías expostas pódese apreciar os labores cotiás deste pobo como a modelaxe de cerámica, elaboración de cervexa, xantares comúns ou vistas dos conxuntos arquitectónicos dos seus asentamentos. Estas imaxes permiten aos organizadores explicar como os costumes e crenzas máis tradicionais dos Gumuz se mesturan con outros valores importados, sobre todo, da sociedade occidental. As fotografías foron feitas por Xurxo Ayán Vila da Universidade Complutense e por Alfredo González Ruibal do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento durante unha misión de estudio etnográfico e cooperación en Etiopía.