Pasar al contenido principal

Investigadores da USC logran avances nas habilidades sociais e comunicativas de menores afectados por síndromes minoritarios

Presentarán as súas propostas de intervención no X Congreso Internacional de Psicoloxía

Investigadores da Unidade de Atención Temperá (UAT) da Universidade de Santiago conseguiron, nos últimos anos, introducir importantes melloras nas habilidades sociais e comunicativas de menores afectados por síndromes minoritarios ou enfermidades raras (ER). Trátase de patoloxías de difícil diagnóstico e moi pouco frecuentes que producen unha limitación de tipo sensorial, da audición, a nivel motórico e, sobre todo, unha deficiencia psíquica que é o que más limita a súa integración.
Para estudar a súa evolución e dar cos mellores tratamentos para un correcto desenvolvemento, un equipo multidisciplinar -formado por psicólogos clínicos e evolutivos, logopedas, psicopedagogos, un especialista en terapia familiar, un terapeuta de xogo e un paidopsiquiatra- pon en práctica, desde hai quince anos, eficaces programas de intervención centrados en mellorar as súas destrezas sociais.
O traballo consiste en aplicar diferentes instrumentos que permiten coñecer o grado de desenvolvemento das capacidades sociais dos menores e identificar posibles trastornos. Con estes métodos, os membros da UAT potencian a súa habilidade para usar xestos comunicativos, realizar accións adecuadas con obxectos ou incluso imitar comportamentos.
Polo momento tratáronse satisfactoriamente casos de síndromes como Potter, Rett, Prader Willi, Angelman, Noonan, Seekel o X-Fráxil, entre outros, en nenos que chegan á Unidade derivados de múltiples fontes como colexios, asociacións de afectados ou por propia iniciativa dos pais, tras o efecto boca a boca.
Exportar o modelo ao resto de EuropaFroito destas intervencións os membros da UAT foron partícipes de numerosas actividades investigadoras de relevancia no campo da infancia, presentando comunicacións tanto no ámbito nacional como internacional en diferentes congresos e simposios.
E é que, pese a que a produción científica sobre enfermidades raras en España é escasa e limitada fundamentalmente a datos médicos, desde a Universidade fíxose un esforzo por analizar e avaliar os datos obtidos en todos os casos estudados. Algúns deses resultados serán presentados o vindeiro mes de xullo en Praga, no marco do X Congreso Internacional de Psicoloxía. O simposio, no que se darán cita uns 2.500 profesionais de máis de 68 países, servirá, ademais de para dar a coñecer as propostas de intervención levadas a cabo na Universidade, para intercambiar experiencias con outros profesionais. Pretenderase desenvolver protocolos uniformes de actuación neste tipo de patoloxías nas que existe aínda unha importante desinformación sobre os coidados, tratamentos e os medicamentos específicos para tratalas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.05.2007.