Pasar al contenido principal

O profesor de Harvard David Edwards abriu no CEA o ciclo dedicado á ciencia ao servizo dos países en vías de desenvolvemento

De esquerda á dereita, Fabiola Sotelo, David Edwards, María José Alonso e Félix Vidal
De esquerda á dereita, Fabiola Sotelo, David Edwards, María José Alonso e Félix Vidal

O profesor da Universidade de Harvard David Edwards inaugurou este xoves no Centro de Estudos Avanzados da USC un ciclo de conferencias, organizado pola universidade compostelá a través da súa Vicerreitoría de Investigación, destinadas á difusión da ciencia.
O ciclo temático inaugurado este xoves baixo a denominación ‘Cooperación internacional: a ciencia ao servizo dos países en vías de desenvolvemento’ busca transmitir á sociedade a problemática derivada da escaseza de iniciativas de investigación dirixidas a resolver problemas que afectan de xeito exclusivo ou principalmente a países en desenvolvemento á vez que pretende presentar as iniciativas que nesta liña se están a desenvolver na comunidade galega.
Logo da presentación realizada pola vicerreitora de Investigación e Innovación, María José Alonso, o profesor Edwards pronunciou a conferencia ‘Improving healthcare in impoverished settings through science, arte and a little business’. Neste acto tamén estiveron presentes o director do CEA-CE, Félix Vidal e a directora xeral de Cooperación Internacional, Fabiola Sotelo. O relatorio encádrase no marco das Conferencias Maxistrais e Cursos do CEA con motivo do ‘Ano da Ciencia 2007’ promovido pola FECYT.
Profesor de enxeñaría biomédica da Universidade de Harvard, David Edwards está activamente implicado na transferencia de ideas dende o espazo universitario a través da utilización de nova tecnoloxía medica, da literatura e das artes visuais. É co autor de numerosas publicacións científicas, libros e patentes nos campos de fluídos mecánicos ou da liberación de fármacos, entre outros.
As súas liñas de investigación inclúen o deseño matemática de novidosos parámetros físicos que permitan a definición de materiais nanoestruturais para unha eficaz liberación de fármacos e vacinas nos pulmóns así como noutros órganos humanos, con especial atención ás enfermidades infecciosas que se desenvolven no mundo.
Ademais é membro da National ACademy of Engineering dende 2001 e merecedor de prestixiosos premios como o Ebert Prize, da Asociación Farmacéutica Americana; o Theodor Herzl Award, da Jerusalem Fund; o Smoluchowski Award; o European Aerosol Association; ou o Professional Progress Award do Instituto Americano de Enxeñaría Química.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.05.2007.