Pasar al contenido principal

Arqueólogos e expertos analizan en Ciencias da Comunicación o cotiá do pobo etíope de Gumuz

Con motivo da mostra 'Onde as rúas non teñen nome'

A Vicerreitoría de Cultura, en colaboración con Laboratorio de Arqueoloxía, organiza este xoves, día 19, unha charla para explicar os procesos previos que deron lugar á mostra itinerante ‘Onde as rúas non teñen nome. Unha ollada etnoarqueolóxica ao pobo de Gumuz (Etiopía Occidental)’.
Na charla, que terá lugar ás 20:00 horas no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación, onde na actualidade se pode visitar a mostra, participará o vicerreitor de Cultura, Elías J. Torres; o director do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, Eduardo Pardo de Guevara; e os arqueólogos do mesmo Instituto, Xurxo Ayán Vila e Sonia García Rodríguez.
Onde as rúas non teñen nomeFroito dun proxecto levado a cabo pola Universidade de Santiago, o CSIC e a Xunta de Galicia, en marzo de 2006 realizouse unha campaña de etnoarqueoloxía e arqueoloxía histórica en Benishangul-Gumuz (Etiopía). Un dos obxectivos desta expedición era construír a secuencia histórica para a zona dende o paleolítico ata a actualidade na zona de Metekel -ao norte do Nilo Azul- centrándose nos Gumuz, co fin de profundar no coñecemento da súa cultura e analizar as relacións interétnicas entre eles e outras comunidades fronteirizas, así como tamén a organización do seu espazo doméstico.
Os gumuz, grupo pertencente á familia lingüística nilo-sahariana, viven en asentamentos de entre 150 a 500 individuos que normalmente non contaban cun emprazamento fixo -aínda que actualmente existen macro-aldeas multiétnicas e estables de preto de 1000 habitantes-. Son un pobo que viven da agricultura de roza e queima, da caza, pesca e da recolección, e a súa organización sociopolítica é de tipo igualitario.
As fotografías que se expoñen na exposición ‘Onde as rúas non teñen nome. Unha ollada etnoarqueolóxica ao pobo de Gumuz (Etiopía Occidental)’ recollen o traballo realizado por este equipo na campaña do 2006 coas que nos achegan distintos aspectos da vida cotiá desta poboación, permitindo coñecer a súa forma de vida e achegarnos a unha civilización descoñecida para a maioría de nos. Ata o 26 de abril pódese visitar na Facultade de Ciencias da Comunicación.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.04.2007.