Pasar al contenido principal

A USC e o Concello de Lugo asinan un convenio para desenvolver o Plan de Emerxencia municipal

Carlos Herrero e Francisco Fernández Liñares asinaron o convenio na Casa do Concello de Lugo
Carlos Herrero e Francisco Fernández Liñares asinaron o convenio na Casa do Concello de Lugo

A Universidade de Santiago de Compostela e o Concello de Lugo asinaron este martes 30 un convenio de colaboración para a implantación do Plan de Emerxencia Municipal e o seu desenvolvemento no próximo ano. A sinatura deste documento correu a cargo do vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, e do concelleiro de Urbanismo e Zona Rural, Francisco Fernández Liñares.
Este convenio ten como obxectivo a prestación por parte da USC dun servizo de asesoramento e asistencia técnica na área de sistemas de información xeográfica para o Concello de Lugo. Da parte técnica ocuparase o equipo de investigación do Laboratorio do Territorio (LaboraTe), pertencente ao Departamento de Enxeñaría Agroforestal da Escola Politécnica do Campus de Lugo.
A difusión da autoprotección e a información á poboación sobre o Plan de Emerxencia Municipal é unha das liñas principais de actuación. Así, mediante este convenio elaboraranse as medidas necesarias para difundir este Plan mediante cursos seminarios e exercicios prácticos de evacuación.
Nunha primeira fase, a formación estará destinada a grupos de poboación definidos, así como a persoal de emerxencias, como Policía, Bombeiros ou Protección Civil. As conferencias, as campañas de sensibilización e as demostracións prácticas serán as vías principais de traballo nese momento.
O vicerreitor lembrou neste acto que esta colaboración estreita entre as dúas institucións “vén xa de moitos anos e son abundantes os proxectos e investigacións desenvolvidas no marco académico en intensa colaboración co Concello”. Carlos Herrero subliñou que este continuo entendemento “é importante porque é beneficioso para Lugo e engade o significado de que a cidade nos apoia”.
Pola súa banda, o concelleiro agradeceu á universidade o traballo realizado durante a redacción do Plan e tamén o que se levará a cabo a partir de agora mediante este convenio, e insistiu “na necesidade de facer chegar este documento aos cidadáns cunha intensa campaña de sensibilización”.
O LaboraTe foi o encargado, en colaboración con Protección Civil, da elaboración e redacción do Plan de Emerxencia Municipal, homologado pola Xunta de Galicia no Comité Galego de Protección Civil a primeiros deste ano e aprobado polo Pleno do Concello de Lugo no mes de xuño. Serán, polo tanto, tamén os encargados da actualización do documento cada seis meses ou cando se produza algunha outra novidade que sexa necesaria sinalar.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.10.2007.