Comeza en Santiago o V Encontro Europeo de Danza da USC
Grupos de danza de seis universidades de España e Portugal reúnense na USC desde este luns, día 7, con motivo do Encontro Europeo de Danza Universitaria que organizan a Vicerreitoría de Cultura e Lugo Cultural. Nesta súa quinta edición participan as compañías Aula de Danza da Universidade Autónoma de Barcelona, o Laboratorio de Danza da Carlos III de Madrid, a Aula de Danza da Universidade de Estremadura, os alumnos da Licenciatura en Danza da Facultade da Motricidade Humana da Universidade Técnica de Lisboa, a Aula de Danza da Universidade Europea de Madrid e o Espazo de Danza da Vicerreitoría de Cultura da USC.
O encontro comeza este luns, dia 7, ás 21:00 horas na Igrexa da Universidade co Espazo de Danza da USC que interpretará a peza coreográfica ‘Cun par de TAkóNS!’ para continuar coa Universidade Técnica de Lisboa que porá en escena catro pezas curtas. Deseguido, o Laboratorio de Danza da Carlos III de Madrid bailará ‘Alopecia Areata’, rematando as actuacións do primeiro día coa intervención da Universidade Autónoma de Barcelona coa coreografía ‘Volver’.
As actuacións continuarán o martes 8 en Santiago, ás 13:30 horas no vestíbulo da Facultade de Ciencias da Comunicación e de novo ás 21:00 horas na Igrexa da Universidade, coa Universidade Técnica de Lisboa, a Aula de Danza da Universidade de Estremadura coa coreografía ‘The Struggle’, o Espazo de Danza da USC e a produción ‘Espacio happening’ que amosará os resultados do taller impartido neste encontro por Marta Botana.
Campus de LugoEn canto ao Campus de Lugo, no que o encontro se enmarca dentro da programación de Lugo Cultural, as actuacións terán lugar na Sala dos Mosaicos do Museo Provincial o mércores 9 e o xoves 10 ás 20:30 horas, tendo lugar outra mostra das intervencións coreográficas o día 10 ás 13:00 horas no vestíbulo de Veterinaria.
O programa do mércores 9 comezará co Espazo de Danza da USC seguido das Universidades de Estremadura e Autónoma de Barcelona, para rematar coa Carlos III de Madrid. O xoves, día 10, será a quenda da Universidade Técnica de Lisboa, a Autónoma de Barcelona, a USC e como remate a produción ‘Espacio happening’.