Pasar al contenido principal

O V Encontro Europeo de Danza da USC reúne a seis universidades da Península Ibérica

Eduardo Ochoa do grupo Fonmiñá e o director do Espazo de Danza da Universidade Juan Carlos Zahera explicaron os programas das actividades presentadas
Eduardo Ochoa do grupo Fonmiñá e o director do Espazo de Danza da Universidade Juan Carlos Zahera explicaron os programas das actividades presentadas

Grupos de danza de seis universidades de España e Portugal reuniranse entre os días 7 e 10 en Santiago e Lugo con motivo do Encontro Europeo de Danza Universitaria que organizan a Vicerreitoría de Cultura e Lugo Cultural. Nesta súa quinta edición o encontro pretende xuntar aos grupos universitarios da Península Ibérica. Así, participarán as compañías Aula de Danza da Universidade Autónoma de Barcelona, o Laboratorio de Danza da Carlos III de Madrid, a Aula de Danza da Universidade de Estremadura, os alumnos da Licenciatura en Danza da Facultade da Motricidade Humana da Universidade Técnica de Lisboa, a Aula de Danza da Universidade Europea de Madrid e o Espazo de Danza da Vicerreitoría de Cultura da USC.
Os grupos ofrecerán programas diferentes os días 7 e 8 no Campus de Santiago e o 9 e 10 de maio no de Lugo a través do Convenio Lugo Cultural. Ademais das representacións previstas realizaranse diferentes actividades e visitas guiadas para os grupos convidados, que comezarán cun taller de danza creativa no que a directora da Aula de Danza da Universidad Europea de Madrid, Marta Botana, achegará ferramentas de improvisación a partir de diferentes propostas. Os asistentes explorarán pautas de creación que serán as portas cara ao seu propio movemento e amosarán os seus resultados o día 8 na Igrexa da Universidade en Santiago e o día 10 na Sala dos Mosaicos do Museo Provincial de Lugo.
Pograma de DanzaAs actuacións previstas en Santiago terán lugar o luns 7 e martes 8 na Igrexa da Universidade ás 21:00 horas, aínda que tamén se haberá unha pequena demostración con extractos das pezas a representar o martes 8, ás 13:30 horas, no vestíbulo da Facultade de Ciencias da Comunicación.
O programa comeza o luns co Espazo de Danza da USC que interpretará a peza coreográfica ‘Cun par de TAkóNS!’, para continuar coa Universidade Técnica de Lisboa que porá en escena catro pezas curtas. Deseguido, o Laboratorio de Danza da Carlos III de Madrid bailará ‘Alopecia Areata’, rematando o primeiro día as actuacións, coa intervención da Aula de Dansa da Universitat Autónoma de Barcelona coa coreografía ‘Volver’.
O martes 8, tamén ás 21:00 horas, comezará a Universidade Técnica de Lisboa seguida pola Aula de Danza da Universidade de Estremadura coa coreografía ‘The Struggle’, a quen lle seguirá o Espazo de Danza da USC rematando coa produción ‘Espacio Happening’ que amosará os resultados do taller impartido por Marta Botana, da Universidad Europea de Madrid.
En canto ao Campus de Lugo, no que o encontro se enmarca dentro da programación de Lugo Cultural, as actuacións terán lugar na Sala dos Mosaicos do Museo Provincial o mércores 9 e xoves 10 ás 20:30 horas, tendo lugar outra mostra das intervencións coreográficas o día 10 ás 13:00 horas no vestíbulo de Veterinaria.
O programa do mércores comezará co Espazo de Danza da USC seguido das Universidades de Estremadura e Autónoma de Barcelona para rematar coa Carlos III de Madrid. O xoves, día 10, será a quenda da Universidade Técnica de Lisboa, a Autónoma de Barcelona, a USC e como remate a produción ‘Espacio Happening’.Maratón FotográficoO prazo de inscrición do XIII Maratón Fotográfico do Campus de Lugo, que organiza Lugo Cultural coa colaboración do grupo cinematográfico Fonmiñá e que se celebrará durante o día 23 de maio, ábrese este martes, día 8. Os interesados deberán pasarse pola Oficina de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do Campus antes do 21 de maio. Poderá participar calquera membro da comunidade universitaria ou persoas alleas á Universidade que asistisen a algún dos cursos de formación programados pola Aula de Fotografía do Campus de Lugo.
O día da celebración do Maratón, os participantes presentaranse ás 11:00 horas na Aula de Fotografía na Facultade de Veterinaria, onde se lles darán as instruccións sobre a competición, se lles entregará a película coa que deben facer as fotos e se lle comunicarán os dous temas que impón a organización, sendo terceiro tema libre. Os participantes contan cun tempo de 24 horas para realizar as súas fotografías, polo que deben entregar o carrete ás 11:00 horas do día seguinte.
Unha vez recollidas as películas, serán reveladas e positivadas nunha folla de contacto. Cada participante debe pasar o día 1 de xuño pola Oficina de Cultura para escoller as fotografías que presenta a concurso para cada tema proposto e poñerlles nome. O xurado valorará as copias xa reveladas pola organización e se outorgará un premio de 100 euros máis trofeo para a mellor fotografía de cada categoría, pero ademais a película de nivel medio máis alto recibirá 175 euros e un trofeo de recoñecemento. Os requisitos para acadar este premio baséanse na exposición correcta das fotos, na variedade dentro dos temas propostos e na creatividade.
As fotografías presentadas serán expostas nunha mostra recompilatoria dos traballos realizados no Maratón Fotográfico do Campus de Lugo. Despois dun mes da súa celebración os participantes poderán recoller as súas fotos, a excepción das fotografías premiadas que pasarán a ser propiedade da USC. Esta mostra viaxará tamén ao Campus de Santiago como nas anteriores edicións.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.05.2007.