O reitor da USC participa en Santander na primeira Xuntanza da Rede Internacional de Incubadoras Universitarias

O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, participa estes días en Santander na primeira xuntanza da Rede Internacional de Incubadoras Universitarias, integrada pola USC, as universidades de Barcelona, Autónoma de Madrid, Complutense, Pontificia Católica de Chile, São Paulo, Nacional Autónoma de México e polo Instituto Tecnolóxico de Monterrey.
A Rede Internacional de Incubadoras Universitarias constituíuse en decembro de 2006 na USC promovida pola institución académica compostelá, pola Universidade de Barcelona e polo Santander. No momento da súa constitución xa manifestaron o seu respaldo á iniciativa as universidades de São Paulo, Pontificia Católica de Chile e o Instituto Tecnolóxico de Monterrey, aos que posteriormente se lle sumaron as universidades Autónoma e Complutense de Madrid e a Nacional Autónoma de México.
Nesta primeira xuntanza da rede e co obxectivo de planificar as actividades a desenvolver participan os reitores das universidades implicadas e os seus respectivos responsables de programas de emprendemento, entre os que se atopan o da universidade compostelá, Carlos Hernández Sande, así como o director da División Santander de Universidades, José Antonio Villasante. Entre acordos adoptados nesta xuntanza de constitución decidiuse que a coordinación técnica da rede terá a súa sede na USC. Ademais, acordouse que o director do Programa Uniemprende da USC, Carlos Hernández Sande, se encargue da coordinación da Comisión de Traballo Técnico da Rede.
Segundo puxo de manifesto o reitor compostelán no transcurso desta xuntanza, o encontro permitirá “impulsar un dos proxectos máis ambiciosos que en materia de empredemento se desenvolvera ata o momento nas universidades españolas e iberoamericanas”. Senén Barro considera que a rede “suporá un fito histórico no desenvolvemento dun modelo de colaboración entre institucións”.
Para Barro os obxectivos e finalidade desta Rede Internacional de Incubadoras Universitarias están plenamente identificados coas ideas e filosofía da USC en materia de emprendemento e co labor desenvolvido nestes últimos anos a prol dun modelo de universidade “dinámica e en constante cambio, interrelacionada co seu ambiente socioeconómico, capaz de anticiparse ás transformacións da sociedade e dar resposta rápida e acertada ás súas demandas”.
A concepción dunha universidade emprendedora engade novas misións ás xa tradicionais da docencia e a investigación, proseguiu o reitor compostelán, “onde a preservación e a transmisión do coñecemento deixou paso a unha universidade convertida nun axente económico partícipe do desenvolvemento do seu ambiente”. Completando a súa intervención, Barro realizou un relatorio no que se referiu ás principais iniciativas abordadas pola USC neste eido, como o desenvolvemento do programa de creación de empresas Uniemprende, a posta en funcionamento dunha incubadora de empresas, a participación na sociedade de Capital Risco Unirisco Galicia ou o liderado na creación do Fondo de Capital Risco, I+D Unifondo e na Sociedade Xestora de Entidades de Capital Risco Uninvest, entre outras.
A actividade da rede permitirá a posta en marcha de proxectos conxuntos con outras institucións académicas iberoamericanas, que permitirán a creación de 100 spin-offs universitarios, como mínimo, nos vindeiros cinco anos. O acordo recolle o apoio de Santander ás universidades promotoras da iniciativa para formar equipos multidisciplinares co obxectivo de facilitar a transferencia á sociedade dos resultados da investigación, con especial atención ás ciencias da vida.
A Cátedra UNESCO da USC sobre Innovación e Fomento da Cultura Emprendedora funcionará como base para as actividades que desenvolvan as entidades co obxecto de formar unha nova rede de cátedras de iniciativa empresarial e cultura emprendedora.
Outras actividadesDurante a súa estadía en Santander, que se prolongará ata este sábado 5, o reitor compostelán participará ademais na Asemblea Xeral da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE) e na Xunta Xeral de Accionistas de Universia que se van celebrar este venres e sábado, respectivamente.