A USC recupera a Igrexa como espazo de concertos con 'Música na Compañía'

O dúo de guitarras clásico-románticas Arte en Parte será quen inaugure este mércores, día 9, na Igrexa da Universidade o ciclo ‘Música na Compañía’, co que a Vicerreitoría de Cultura recupera a Igrexa como espazo de concertos. No recital, que terá lugar ás ás 20:30 horas, Arte en Parte ofrecerá un programa monográfico con obras de Fernando Sor.
Integrado porÁngela Ferreiro e Iago Reigosa, Arte en Parte nace en 1995 en Vigo coa intención de interpretar música escrita para dúo de guitarras dos séculos XIX e XX. Despois dun período de formación no que reciben clases de importantes figuras como Los Angeles Guitar Quartet, David Russell, Manuel Barrueco, José Tomás e Gerardo Arriaga entre outros, inician no ano 97 a súa andaina concertística. No ano 98 preséntanse ao ‘VII Concurso Internacional Simone Salmaso’ (Italia) no que obteñen o 2º premio e son galardoados de novo no concurso ‘Ghitaralia 98’ (Polonia). Dende aquela, centran a súa actividade no repertorio do século XIX. Para a súa interpretación empregan dúas guitarras clásico-románticas construídas en Colonia por Bernhard Kresse baseándose nun orixinal de 1840 do construtor Louis Panormo, e son seleccionados no ano 2000 para participar no Fringe do XXIII Festival Internacional de Música Antigua de Barcelona.
En novembro de 2001 participan no ‘Simposium sobre guitarra y cítara’ organizado pola fundación Stiftung Kloster Michaelstein (Alemaña) onde realizan unha conferencia-recital sobre a guitarra española ca. 1800, incluída no libro Guitarre und Zister. Bauweise, Spieltechnik und Geschichte bis 1800 publicado pola mesma Fundación en 2004. En 2003 a compañía discográfica Nuova Era (Italia) publica o seu primeiro Cd dedicado á música para dúas guitarras do compositor español Fernando Sor.
Arte en Parte ten actuado en cidades españolas como Madrid, Barcelona ou Valencia, en lugares como o auditorio da Fundación Juan March (Madrid), o Palau Centelles (Barcelona), o Mosteiro de San Rosendo de Celanova, o Hostal dos Reis Católicos (Santiago), o Festival de Música Cidade de Lugo, o Festival Internacional de Guitarra de Ponferrada ou o Ciclo Guitarrísimo organizado polo Instituto Cervantes de Múnic, entre outros.
O dúo ten previsto emprender proximamente unha xira por Brasil en colaboración co Instituto Cervantes, ofrecendo diversos concertos en diferentes escenarios (Río, São Paulo, Brasilia, Porto Alegre), durante a que impartirán, ademais, unha Master Class na escola municipal de São Paulo.