Pasar al contenido principal

A Facultade de Matemáticas pon en marcha en Galicia o Proxecto ESTALMAT para estimulo do talento matemático

A proba de selección realizarase o 2 de xuño entre os alumnos de 6º curso de Educación Primaria que se inscriban previamente

A Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, co apoio e colaboración de distintas institucións e entidades, está a pór en marcha o Proxecto ESTALMAT GALICIA para o estímulo do talento matemático, uníndose así á lista de comunidades que xa teñen implantado este proxecto como son Madrid, Cataluña, Castela e León, Andalucía, Canarias e Valencia.
Concibido polo insigne profesor Miguel de Guzmán (Cartagena, 1936 - Madrid, 2004), da Universidade Complutense, e implantado por primeira vez en Madrid en 1998, o proxecto ESTALMAT ten por obxectivo detectar, orientar e estimular de maneira continuada o talento matemático de estudantes que están en 6º curso de Educación Primaria (12-13 anos), segundo explicou o decano de Matemáticas da USC, Juan Viaño, nunha roda de prensa á que tamén asistiron a xefa de estudos do IES de Elviña (A Coruña), Mercedes Feijoo; o profesor de Matemáticas da USC Óscar López; e o docente de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, Enrique Fernández.
O Proxecto ESTALMAT ESPAÑA, avalado cientificamente pola Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales e co apoio financeiro da Fundación Vodafone-España e do Proxecto Ingenio-Mathematica do Programa Consolider, está dirixido actualmente polo académico Amable Liñán Martínez, Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica. Estas axudas, “insuficientes para atender as demandas nas distintas comunidades autónomas” están sendo complementadas con achegas de diferentes entidades, “algo que agardamos que tamén suceda cos diferentes organismos educativos e entidades favorecedoras da cultura do saber cos que estamos establecendo contactos”, sinalou Viaño.
ESTALMAT GaliciaO Proxecto ESTALMAT GALICIA, aprobado pola Real Academia o pasado 18 de abril, está pilotado pola Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela. O comité organizador, presidido polo decano Juan Viaño e coordinado pola profesora Mercedes Feijoo, está formado por 11 profesores de matemáticas do ensino medio e das tres universidades galegas, e conta co asesoramento da Unidade de Estudo e Investigación da Superdotación da Facultade de Psicoloxía da USC.
O funcionamento básico do Proxecto ESTALMAT consiste en seleccionar alumnos, mediante unha proba que pretende detectar aptitudes matemáticas avanzadas, e impartirlles clases adaptadas ao desenvolvemento do seu talento. Estas clases impartiranse, en xeral, nas mañás dos sábados durante dous cursos académicos consecutivos. Ademais destas sesións formativas, haberá outras actividades como conferencias, campamentos matemáticos ao comezo do curso e xornadas virtuais conxuntas con Proxectos ESTALMAT doutras comunidades autónomas.
Non se trata de adiantar aos alumnos en contidos matemáticos do seu currículo escolar senón, pola contra, desenvolver aspectos que permitan axudar a pensar en matemáticas, resolver problemas e, en definitiva, pasalo ben ao tempo que se detecta e canaliza o talento matemático para mellor proveito da sociedade. Trátase de detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento que, en moitos casos, poden pasar inadvertidos ou quedar desatendidos nas esferas normais do ensino e da familia.
Convocatoria 2007A realización da proba de ESTALMAT GALICIA terá lugar o vindeiro 2 de xuño na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela. A proba –consistente nun exame de aptitude, un test psicométrico e unha entrevista persoal- estará a cargo dun comité académico de 7 profesores e as clases serán impartidas por un equipo docente formado por unha quincena de profesores de matemáticas dos distintos niveis do ensino, seleccionados polo citado comité académico. O equipo docente asistirá a unhas xornadas de formación impartidas por especialistas doutros Proxectos ESTALMAT, nomeados pola Real Academia de Ciencias.
A Convocatoria 2007 xa foi enviada a todos os centros de Galicia. Os pais ou profesores que detecten no seu entorno rapaces ou rapazas con especial capacidade para as matemáticas, e que desexen participar nas probas de selección para o vindeiro curso, deben inscribilos antes do día 29 de maio cubrindo un formulario electrónico na páxina web do proxecto http://www.estalmatgalicia.com ou enviando por fax o formulario en papel que se ten remitido aos centros nestes días. Na mesma páxina atoparán toda a información relativa ao Proxecto Estalmat Galicia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.05.2007.