Pasar al contenido principal

Presentadas as conclusións do estudo 'Competitividade e comunicación 2007' elaborado por investigadores da USC e a consultora Torres y Carreras

De esquerda a dereita, Xurxo Torres, Lourenzo Fernández, Xosé R. Pousa e Victor Freixanes
De esquerda a dereita, Xurxo Torres, Lourenzo Fernández, Xosé R. Pousa e Victor Freixanes

O estudo realizado por investigadores da Universidade de Santiago e a consultora Torres y Carrera ‘Competitividade e Comunicación 2007’ analiza o emprego da comunicación nas empresas galegas co obxecto de acadar unha visión global e avaliar o valor engadido que a comunicación representa no marco da actividade empresarial. Entre as súas conclusións, o estudo subliña que para as empresas consultadas comunicar ben contribúe a ser más competitivo, aspecto que propicia que perciban aos medios como unha oportunidade e valoran moi ou bastante ben aos xornalistas.
O informe presentouse este martes, día 22, nunha roda de prensa na que interviron o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández Prieto, os profesores da Facultade de Ciencias da Comunicación e coordinadores do estudo, Xosé R. Pousa e Víctor Freixanes, e o director xerente da Consultora Torres y Carrera, Xurxo Torres.
A investigación pretende identificar as claves dunha comunicación eficaz e a súa relación coa capacidade competitiva das organizacións empresariais. Neste senso, o traballo desenvolvido sinala que as empresas que teñen unha relación directa co cliente final demandan máis comunicación que as que están enmarcadas en procesos produtivos, o que favorece un especial interese pola comunicación externa e a relación cos medios.
Esta sensibilidade pola comunicación tradúcese no destacado número de empresas que contan con Departamento de Comunicación propio e proxéctase na contratación de servizos de comunicación externos, onde prevalecen máis os instrumentos de comunicación publicitaria que os de información.
No contexto integrado por empresas, administracións e universidades, as primeiras son as que peor valoración obteñen por parte dos xornalistas ao analizar a súa capacidade comunicativa. Esta percepción resulta consecuente coa valoración que as empresas e os xornalistas realizan sobre as ferramentas empregadas para a difusión comunicativa. Así, mentres que para a empresa a nota de prensa á canle de difusión máis empregada, para os xornalistas é a peor valorada ao preferir unha comunicación directa co seu interlocutor.
Para a elaboración do estudo, os responsables da investigación contactaron con 60 empresas de Galicia e 50 xornalistas galegos, elixidas conforme criterios socioeconómicos. Sobre este campo de traballo estableceuse como ámbito de reflexión a situación da comunicación das empresas en Galicia e a relación existente entre as capacidades competitivas e as comunicativas.
As empresas consultadas pertencen aos sectores complexo mar-industria, automoción, téxtil, construción, distribución, servizos, tecnoloxía, estaleiros, alimentación, financeiro, farmacéutico e turístico.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.05.2007.