Remata no Campus de Lugo o Seminario de Dirección de Empresas Familiares
O Seminario ‘Dirección de Empresas Familiares’ organizado pola Cátedra de Empresa Familiar da USC na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo remata este venres, día 25, cun relatorio da profesora da Escola de Relacións Laborais, Carmen Redondo.
A conferencia ‘A cultura nas empresas familiares’ terá lugar ás 10:00 horas no Salón de Graos da facultade e a continuación proxectarase un documental sobre a historia e transmisión de valores da empresa familiar india Tata. A partir das 12:00 horas, os asistentes visitarán as instalacións da empresa Torre de Nuñez, onde os membros desta sociedade familiar lles falarán sobre a historia e diversificación da súa empresa e o proceso de incorporación da segunda xeración familiar en tarefas directivas.
Este é o segundo ano que a Cátedra da Empresa Familar organiza a materia ‘Dirección de Empresas Familiares’ como un seminario de seis créditos de libre configuración. Os 43 alumnos matriculados nesta edición atoparon dentro do programa de actividades da materia tanto aspectos teóricos, en forma de clases maxistrais impartidas por profesionais, empresarios e profesores doutras universidades, como xornadas prácticas con visitas a empresas como as instalacións de conservas Rianxeira, os viveiros da Fundación CEL ou Hijos de Rivera. O vindeiro ano a oferta do seminario extenderase tamén ao Campus de Santiago.