Comezan as Xornadas sobre Sustentabilidade no Sector Pesqueiro Galego
O Grupo de Investigación de Economía Pesqueira e Recursos Naturais da USC organiza este venres 26 as ‘II Xornadas sobre Sustentabilidade no Sector Pesqueiro Galego: retos da miticultura’, encontro de especialistas no que estudarán a realidade económica actual do sector mexilloneiro galego, entendido como o primeiro e principal sector da acuicultura mariña europea.
Estas xornadas, que contan co patrocinio da Consellaría de Pesca e Asuntos Marítimos, celebraranse a partir das 9:15 horas no Centro de Estudos Avanzados da USC. Ao acto inaugural asisten o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández, o director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca da Xunta de Galicia, Jose Manuel López Rodríguez, e a profesora e directora do equipo de investigación organizador María do Carme García-Negro.
A xornada comezará cunha definición das características do produto como alimento. Neste senso, ofreceranse tres intervencións para dar conta das características nutricionais e organolépticas do mexillón, a súa función como compoñente da dieta atlántica e as características da súa produción sustentable, xa que é un alimento que se está a producir con custe de pensos cero. Estas intervencións corren a cargo da directora do Laboratorio de Tecnoloxía de Produtos Pesqueiros da USC, Mª Cruz Pascual; o xerente de Barrañamar S.L. e ex director do Instituto Tecnolóxico para o control do Medio Mariño, Juan C. Maneiro; e o catedrático de Cardioloxía da USC e líder do Grupo de Investigación Barbanza, José R. González Juanatey.
Nun segundo bloque temático, que se desenvolverá a partir das 12:00 horas, os relatorios presentados permitirán expoñer os problemas referidos ao funcionamento do primeiro elo da cadea de comercialización e que inclúe aos depuradores, exportadores e importadores, así como transformadores. Esta panorámica sobre o sector continuará coa análise das particularidades de grandes e pequenos distribuidores así como dos responsables dos mercados de abastos. Interveñen neste debate o xefe de Calidade de CEFRICO-CALADERO, Moisés Pérez; o xerente de Pescarmar, Darío Rodríguez; o xerente do Grupo Ruta Jacobea, Francisco Martínez; e a xerente e directora de calidade de Hijos de Ramón Peña S.L, Nélida Rodríguez.
Finalmente, pola tarde as xornadas permitirán achegarse a aspectos relacionados coa marca ou a denominación de orixe protexida ‘mexillón’ como garantía de sobrevivir nun mercado globalizado. Así examinaríanse as experiencias históricas arredor do mexillón tanto noutros países como noutros sectores, como o do viño ou o do queixo, que lograron sobrevivir a través da marca. Neste último bloque contarán coa participación do xerente da DO Rías Baixas, Ramón Huidobro; o profesor da Universidade Libre de Bruxelas Guy T. Houvenaghel; o director técnico do Consello Regulador da D.O.P. Torta del Casar, Javier Muñoz; o xerente de OPMEGA; Manuel Franco; e o subdirector de Industrias e Calidade Agroalimentaria da Xunta de Galicia, Ricardo Rivas.