Pasar al contenido principal

A sétima edición da Semana Internacional de Tecnoloxía e Negocios celebrarase o vindeiro mes de novembro nas tres universidades galegas

Os reitores das tres universidades galegas presentaron este xoves, día 4, en rolda de prensa o programa de actividades da sétima edición da Semana Internacional de Tecnoloxía e Negocios (TechBusiness Week) que se vai celebrar en Santiago, A Coruña e Vigo entre os días 5 e 8 do vindeiro mes de novembro. No acto de presentación celebrado no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome interviñeron os reitores das universidade de Santiago, Senén Barro; da Coruña, José María Barja; e de Vigo, Alberto Gago; así como o presidente da Fundación Sabiria, Marcelo Castelo, acompañados por representantes das empresas implicadas no Foro e-Gallaecia.
A Semana Internacional de Tecnoloxía e Negocios é unha actividade de carácter anual promovida pola Fundación Sabiria e organizada polo Foro e-Gallaecia, entidade da que a USC é socia fundadora, cuxa finalidade é o desenvolvemento da Sociedade da Información. Ao longo das pasadas edicións, os contidos deste encontro internacional captaron dunha maneira evolutiva o interese e asistencia de tecnólogos, tanto directivos como técnicos, convertendo este foro tecnolóxico no punto de encontro máis prestixioso para a actualización anual de coñecementos neste eido. De feito, algúns profesionais das TIC consideran que este encontro é cualitativamente o máis importante da Península Ibérica.
Promovida dende a súa orixe pola USC, a Semana Internacional de Tecnoloxía e Negocios ábrese este ano á participación activa das outras dúas universidades galegas que acollerán cadansúa sesión do programa previsto. Neste senso, esta sétima edición aspira a consolidar ao encontro como o acontecemento anual de referencia no eido da Sociedade da Información en Galicia.
Entre os seus obxectivos, a Semana pretende conseguir o máximo impacto social a través da socialización do coñecemento; manterse de forma consolidada como o punto de encontro anual en Galicia entre sociedade, empresarios, universidade e administración pública; seguir sendo o aglutinador do debate intelectual de técnicos e directores de tecnoloxía; e promover o acceso ao coñecemento tecnolóxico de Galicia.
O programa inclúe catro bloques temáticos sobre seguridade, bases de datos e programación, que se desenvolverá en Santiago de Compostela; software libre, na Universidade da Coruña; mobilidade e telecom, na Universidade de Vigo; e management e sociedade da información, novamente na USC.
Segundo se puxo de manifesto na presentación, a Semana Internacional é “unha ferramenta de loita para facer de Galicia unha sociedade moderna, competitiva, máis e mellor formada e orientada aos desafíos dunha nova economía global e allea aos condicionantes xeográficos”.
Anteriores ediciónsAo longo das anteriores seis edicións, máis de 2.500 persoas pasaron pola Semana Internacional de Tecnoloxía e Negocios entre personalidades, relatores, asistentes e membros da organización. Deste total, preto de 2.200 foron os asistentes que acudiron ano tras ano á súa cita con este foro tecnolóxico.
En total, foron máis de 330 horas de relatorios, mesas redondas e debates con máis de 340 relatores ao longo de todos estes anos entre os que se atopaban os máis altos cargos da banca galega; representantes das principais empresas galegas e das maioría das delegacións de multinacionais establecidas en Galicia; directores xerais en España e Portugal de empresas multinacionais do sector tecnolóxico como Microsoft, Oracle, 3Com, Novell, IBM, Intel, Sun ou Vodafone; así como ‘gurús’ nacionais e internacionais sobre as materias abordadas.
Na lista de conferenciantes da Semana Internacional de Tecnoloxía e Negocios atópanse nomes propios como os de Emilio Ontiveros, catedrático de Economía da Empresa; Marcelo D’Elia Branco, asesor da Presidencia da República de Brasil para a Sociedade da Información e impulsor do proxecto ‘Software Livre Brasil’; Mark Shuttleworth, sudafricano que se fixo multimillonario ao vender a súa tecnoloxía a Verisign e que empregou parte da súa fortuna en ser o segundo turista espacial da nave ‘Soyuz’; Enrique Dans, director da Área de Sistema se Tecnoloxías da Información do Instituto de Empresa; Jorge Valdano, ex futbolista e conferenciante sobre temas relacionados coa xestión empresarial; Piotr Sobolewski, especialista en sistemas informáticos de seguridade e creador da revista ‘Hakin9 Magazine’ e membro do grupo hakin9lab; Rudolh W. Giuliani, ex alcalde de Nova York; Rosa García, conselleira delegada de Microsoft Ibérica; ou Amparo Moraleda, presidenta de IBM para España e Portugal, entre moitos outros.
Para acadar máis información, as persoas interesadas poden visitar a páxina web da Semana (http://www.e-gallaecia.com/index.asp).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.10.2007.