Pasar al contenido principal

O Servizo de Vixilancia da Saúde da USC inicia o vindeiro luns a campaña de vacinación da gripe

A campaña desenvolverase entre o 8 de outubro e o 30 de novembro

O Servizo de Vixilancia da Saúde da USC, en colaboración co SERGAS, pon en marcha dende o vindeiro luns, día 8, e ata o 30 de novembro a campaña de vacinación Antigripal/Antipneumocócica dirixida ao persoal de administración e servizos e aos docentes da universidade. No Campus de Santiago, este servizo atópase no Pavillón Estudantil do Campus Sur e no de Lugo no Pavillón na Facultade de Veterinaria, en horario de 12:00 a 14:00 horas en ambos os dous casos.
As vacinas, que se administrarán sen previa cita e sen necesidade de vir sen almorzar, diríxense ás persoas que pertencen aos grupos de risco e deberán pospoñerse cando exista unha enfermidade respiratoria aguda ou unha manifestación febril.
Forman parte dos grupos de risco para a vacinación antigripal as persoas con enfermidades crónicas pulmonares ou cardiovasculares, con procesos crónicos doutra índole, con compromiso respiratorio con risco de aspiración ou con enfermidades metabólicas crónicas incluíndo diabetes mellitus, insuficiencia renal, hemoglobinopatías e anemias ou inmudeficiencias. De igual xeito considéranse grupo de risco ás mulleres embarazas e os nenos e adolescentes con tratamentos prolongados de ácido acetil salicílico xa que teñen un maio risco de desenvolver a síndrome de Reye tras unha gripe.
O persoal de calquera centro hospitalario, empregados de institucións pechadas e outras para enfermos crónicos ou asistentes domicialiarios e membros de familia que viven con persoas incluídas nos grupos de risco forman parte do conxunto potencialmente capaz de transmitir a gripe a outras persoas de alto risco.
Tamén se recomenda a vacinación a persoas que desenvolven traballos esenciais para a comunidade como policías ou bombeiros, xente que está en contacto con aves e a viaxeiros internacionais.
No caso na vacinación antipneumocócica no grupo de risco estarían incluídos persoas inmunocompetentes de ata 64 anos con patoloxías crónicas como doenzas cardiovasculares, enfermidades pulmonares, diabetes mellitus, alcoholismo e enfermidades hepáticas e enfermidades que leven asociado perda de líquido cefalorraquídeo. Ademais, están neste grupo persoas inmunocomprometidas con VIH positivo, leucemia, insuficiencia renal crónica ou síndrome nefrótica, receptores de transplante de médula ósea, e persoas que estean recibindo terapia inmunosupresoras.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.06.2023.