Pasar al contenido principal

A Facultade de Ciencias organiza o Máster Oficial en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental

A Facultade de Ciencias do Campus de Lugo presentou este mércores, día 10, o Máster Oficial en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental que se impartirá neste curso 2007-2008 neste centro. Ao acto de presentación acudiron o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre; o decano da Facultade, Francisco Fraga; e os responsables académico deste posgrao.
Estes estudos están dirixidos a titulados universitarios e ten por obxectivo dotar ao alumno de coñecementos teóricos e prácticos relativos á prevención de riscos laborais que lle permitan a súa homologación para o exercicio profesional como técnicos superiores nas especialidades de Seguridade no Traballo, Hixiene Industrial e Ergonomía e Psicosocioloxía Aplicada. Os seus contidos facilitarán un amplo coñecemento da aplicación da normativa legal ao respecto cumprindo os criterios da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo para ser técnico competente. O máster tamén pretende promover o coñecemento de aspectos da toxicoloxía laboral e a prevención de enfermidades profesionais asociadas á exposición a axentes tóxicos no medio laboral e tomar conciencia sobre os problemas medioambientais e os seus efectos sobre os ecosistemas e a poboación.
As sesións académicas destes estudos impartiranse en modalidade mixta, xa que se darán as clases de modo presencial pero o máster inclúe módulos a desenvolver de xeito virtual. Consta dun total de noventa créditos de formación teórica e práctica nos que os alumnos se familiarizarán con aspectos da lexislación, seguridade, hixiene, ergonomía ou medicina do traballo, entre outros, pero tamén se inclúen no programa aspectos prácticos como un traballo final de curso ou prácticas en empresas.
A admisión realizarase segundo o expediente académico e os interesados deben dirixirse ao decanato da Facultade de Ciencias.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.10.2007.