Pasar al contenido principal

Sae ao prelo un novo número da revista Obradoiro de Historia Moderna

O número 16 da revista Obradoiro de Historia Moderna,correspondente ao presente ano, presentouse este venres no transcurso do I Seminario ‘O comercio de España no Antigo Réxime’. Na presentación, celebrada no Salón de Actos da Facultade de Filosofía, interviñeron a directora e o secretario da publicación, os profesores Mª Carmen Saavedra e Isidro Dubert, respectivamente.
Trátase, en opinión do seus responsables, dunha publicación consolidada “como demostran os seus dezaseis anos de vida”, período durante o que se ten difundido o resultados das investigacións galegas relativas ao Antigo Réxime. Dende a súa fundación en 1992, esta publicación tivo entre os seus obxectivos fundamentais o de dar cabida aos traballos de calidade feitas en España e en Europa o que, segundo os promotores da publicación, permite situar á historiografía galega e á USC no seo das correntes historiográficas europeas máis importantes e avanzadas.
O novo número de Obradoiro de Historia Moderna conta nas súas páxinas coa contribución de desatacados especialistas procedentes de Francia, Italia ou Romanía, xunto a unha nutrida representación de traballos de autores de distintas universidades españolas.
SeminarioA presentación celebrouse ao abeiro do I Seminario Especializado do Obradoiro de Historia Moderna, xuntanza na que interveñen destacados expertos universitarios de todo o Estado, entre eles Manuel Bustos, Ricardo Franch, Agustín González Enciso ou Aingeru Zabala, xunto a investigadores da USC.
Este encontro está centrado no estudo das distintas facetas do comercio no Antigo Réxime, tema pouco coñecido da historia galega. Para abordalo, os traballos que serán obxecto de debate ao longo dos tres días de xuntanza tratarán, segundo os organizadores, de remediar ese baleiro historiográfico polo que se atenderán a cuestións tales como os circuítos comerciais que conectaban Galicia con Europa e o papel dos mercaderes estranxeiros no comercio galego dos séculos XVI e XVIII, a composición e a orixe dos capitais comerciais ou a súa posible orientación á creación de novos ciclos de riqueza, entre outros asuntos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.10.2007.