María Ángeles Durán, Premio Nacional de Investigación, participa este xoves no Foro Casa de Europa de Investigadoras e Tecnólogas
A catedrática María Ángeles Durán, Premio Nacional de Investigación en 2002, será a que interveña este xoves, día 25, no Foro Casa de Europa de Investigadoras e Tecnólogas que organiza o Seminario Mulleres e Universidade (SMU) da USC.
Catedrática de Socioloxía e profesora de Investigación do Departamento de Economía do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), María Ángeles Durán ofrecerá unha charla no transcurso dunha cea ás 20:00 horas na Casa de Europa.
Durán, unha das primeiras figuras da investigación social española, estudou aspectos como o emprego do tempo ou a economía da saúde e imparte cursos de doutoramento sobre estas cuestións en varias universidades españolas e estranxeiras. É ademais analista do traballo non remunerado e asesora da Organización Panamericana da Saúde.
O SMU, un grupo de observación e estudo formado por profesoras da Universidade de Santiago, vén traballando dende a súa creación hai cinco anos na visibilización das mulleres en todos os campos da Ciencia e a Tecnoloxía.