Pasar al contenido principal

Curso gratuíto de captación de clientes para traballadores da Peme galega e das administracións públicas

A Universidade de Santiago, a través do seu programa Uniemprende, organiza a vindeira semana, o luns 29 e o martes 30, un curso gratuíto sobre ‘Captación de clientes’ dirixido a traballadores ocupados das Peme galegas así como das administracións públicas con contrato de obra ou servizo. As clases desenvolveranse en horario de 9:30 a 14:30 e de 16:00 a 19:00 horas no edificio Cactus do Campus Sur.
‘Captación de clientes’ pretende reflexionar sobre cómo captar clientes de xeito intelixente, mediante estratexias de targeting, que permitan coñecer quen é a persoa que se incorpora á carteira dunha empresa, qué é capaz de achegar, canto tempo pode permanecer ou qué pode xerar durante ese tempo. A adquisición de novos clientes é un síntoma de boa saúde empresarial polo que xestionar eficazmente este eido é un desafío complexo.
O programa do curso comezará cunha introdución xeral ao tema, para avanzar nas particularidades da prospección como vía para saber onde atopar clientes e como gañalos. Outros aspectos a avaliar son os relativos á segmentación, facilidade de captación, coñecemento das necesidades e motivacións de compra, e ao proceso de venda. No programa tamén se avaliarán as seis ‘P’ do posicionamento, aquelas que fan referencia aos produtos e servizos, presentación, persoal, promocións, praza e prezo.
A metodoloxía a seguir durante a realización do seminario será eminentemente práctica e participativa, compatibilizándose a aprendizaxe teórica coa realización de prácticas e simulacións. Ademais, empregarase o traballo en equipo como metodoloxía formativa básica, avanzando no programa a través de dinámicas e traballos en grupo que favorecerán o intercambio entre os participantes e o desenvolvemento dunha aprendizaxe máis próxima e produtiva.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.10.2007.