Pasar al contenido principal

Peter D. Lax, Premio Abel 2005, por primeira vez en Compostela

É un dos últimos científicos vivos que participou no Proxecto Manhattan, equipo responsable da primeira bomba atómica

O científico Peter D. Lax, Premio Abel 2005, visita por primeira vez Santiago de Compostela esta semana dentro do programa de divulgación científica ‘ConCiencia’ que organiza conxuntamente a Universidade de Santiago e o Consorcio de Compostela. Aproveitando a súa estadía en Compostela, Lax ofrecerá este martes, día 30, unha roda de prensa ás 16:30 horas na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca na que estará acompañado polo profesor da USC e coordinador de ConCiencia, Jorge Mira.
Deseguido, o mesmo martes a partir das 20:00 horas no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) Peter D. Lax pronunciará a conferencia ‘A vida e época de John von Neumann’. Na xornada do mércores 31, no Centro de Estudos Avanzados da USC a partir das 12:30 horas, manterá un encontro con investigadores e alumnos da USC.
O xurado que concedeu o Abel a Lax en 2005 fíxoo "polas súas rachadoras contribucións á teoría e aplicación de ecuacións diferenciais parciais e a computación das súas solucións". Trátase dun galardón equivalente aos Nobel e dirixido aos mellores matemáticos do mundo.
Peter D. Lax está considerado como o "matemático máis versátil da súa xeneración" e un dos fundadores da matemática computacional moderna. Húngaro de orixe, foi perseguido polos nazis na súa adolescencia e rematou nos Estados Unidos onde foi descuberto por John von Neumann, que fixo del o seu protexido ao decatarse das súas prodixiosas capacidades, presentoullo a Albert Einstein e introduciuno na elite científica dos EE.UU. En 1945, con tan só 19 anos, o mozo Peter Lax integrábase no famoso Proxecto Manhattan, que construiu a primeira bomba atómica (el adicouse ao transporte de neutróns).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.10.2007.