As claves da psicoloxía e psiquiatría forense explícanse nun curso de verán da USC
O curso de verán da USC ‘Psicoloxía e Psiquiatría Forense’, que se celebrará do 2 ao 4 de agosto na Aula de Cultura do Concello de Catoira, formará aos asistentes nestas cuestións forenses. Dirixido polos profesores da USC Ramón Arce Fernández e Francisca Fariña Rivera, as sesións académicas suman un total de trinta horas lectivas.
A proba pericial no eido penal será o tema da conferencia que abrirá o curso e á que seguirán outras acerca de cómo avaliar a veracidade das testemuñas e das declaracións xunto cunha mesa redonda sobre o mellor interese do menor en procesos de separación e divorcio.
Na seguinte xornada, varios expertos profundarán na proba pericial no Instituto de Medicina Legal de Galicia, a pericia forense sobre o consumo de tóxicos e, finalmente, debaterán nunha mesa redonda sobre a proba pericial psicolóxica no eido penal.
No transcurso da sesión do sábado, día 4, introducirase a intervención psicolóxica no medio aberto de prisións e ofrecerase un estudo de casos concretos. Xa pola tarde e como clausura do encontro, explicarase a peritaxe psicolóxica en procesos de separación ou divorcio.