Pasar al contenido principal

Catrocentos expertos internacionais debaterán en Santiago sobre melloras no tratamento psiquiátrico aos anciáns

Ao redor de 400 expertos internacionais debaterán do mércores 20 ao sábado 23 de xuño na Facultade de Medicina e no Colexio de Fonseca da USC sobre os avances e necesidades na atención psiquiátrica ao paciente ancián, no transcurso do XXXV Congreso da Asociación Europea de Psiquiatría Xeriátrica (EAGP), a XV Xuntanza da Sociedade Española de Psicoxeriatría (SEPG) e do VIII Congreso da Asociación Portuguesa de Xerontopsiquiatría, que se celebrarán conxuntamente.
A apertura oficial deste encontro celebrarase este mércores, día 20, ás 18:00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca cun acto ao que asistirán o reitor da USC, Senén Barro; a conselleira de Sanidade, María José Rubio; a secretaria xeral de Benestar, María Jesús Lago; o presidente da Asociación Europea de Psiquiatría Xeriátrica, Ralf Ihl; e o presidente organizador do congreso, Raimundo Mateos.
Deseguido, o profesor da Universidade Autónoma de Madrid Enrique Baca ofrecerá a conferencia inaugural ‘A carga dos coidadores de doentes psicoxeriátricos’ de entrada libre e aberta a todas as persoas interesadas.
Programa do encontroNon obstante, o encontro dará comezo antes, concretamente a partir das 13:30 horas, no Salón de Actos A da Facultade de Medicina debatendo sobre a saúde mental nas residencias de anciáns e na Aula Castelao B falando sobre o espectro dos trastornos depresivos nos maiores. Logo, ás 15:30 horas, abordarase en ambos espazos do centro a depresión xeriátrica e a ética na atención a anciáns con demencia.
Na sesión do xoves, día 21, o congreso abrirá ás 09:00 horas tratando a disfunción executiva na depresión do ancián e a súa saúde mental na Atención Primaria. Ás 11:00 horas, varios expertos continuarán explicando o uso e abuso de substancias na idade avanzada e, ás 13:00 horas, profundarase nos síntomas non cognitivos na demencia e nos servizos xeriátricos de saúde mental en Portugal.
Xa ás 15:30 horas, o Salón de Actos acollerá un conxunto de charlas acerca dos idosos e a sociedade mentres que, ao mesmo tempo, a Aula Castelao B será sede dunha serie de relatorios sobre a familia e o coidado dos maiores. Pola tarde, o encontro seguirá ás 17:30 horas analizando as perturbacións oficiais e, ás 19:00 horas celebrarase unha asemblea da Sociedade Española de Psicoxeriatría e despois unha homenaxe aos seus ex presidentes.
No transcurso da xornada do venres 22, o encontro comezará ás 9:00 horas profundando no envellecemento e saúde mental e no uso do TEC en psiquiatría xeriátrica. Despois, ás 11:00 horas abordaranse as necesidades dos pacientes con demencia e dos seus coidadores e, xa ás 13:30 horas, trataranse as perspectivas Ibero-Latino-Americana da psicoxeriatría, as novas tecnoloxías para a mellora da atención psicoxeriátrica e os avances en educación e subespecialización en psiquiatría do ancián.
A continuación, especialistas europeos explicarán a partir das 15:00 horas os avances en educación e subespecialización en psiquiatría do ancián e, media hora máis tarde, analizarán a asistencia domiciliaria ás persoas con demencia e os servizos de psicoxeriatría en Europa. Na sesión vespertina ofrecerase un simposio sobre a investigación en imaxe en psiquiatría xeriátrica. Ás 19:00 horas, a EAGP celebrará a súa asemblea e, ás 20:00 horas, o Teatro Principal acollerá unha representación explicativa sobre a enfermidade do Alzheimer.
Durante a mañá do sábado 23, a partir das 09:00 horas, no encontro comentaranse estudos sobre saúde, idade e xubilación e discutirase sobre a calidade de vida dos coidadores e, ás 11:00 horas, examinarase o progreso da demencia dende o deterioro cognitivo leve ata a demencia nos estadios finais.
Curso de actualizacion en psicoxeriatríaNa sesión matinal do mércores, día 20, a Facultade acollerá un curso-taller de actualizacion en psicoxeriatría no que se resolverán casos clínicos e ofrecerase un resumo teórico dos aspectos máis relevantes. Asemade, tamén contará cunha mesa redonda con preguntas que o público fará aos propios expertos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.06.2007.