Pasar al contenido principal

'Cidades históricas. Renovación urbana e sustentabilidade', tema dun dos cursos de verán que a USC organiza en Vilagarcía

CURSOS DE VERÁN DA USC 2007

‘Cidades históricas. Renovación urbana e sustentabilidade’ é o tema dun dos tres cursos de verán que a USC organiza este ano entre os días 11 e 14 de xullo no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa. Cunha carga lectiva de 35 horas, o curso conta co financiamento do Concello de Vilagarcía de Arousa.
O programa previsto para a primeira xornada ofrecerá aos asistentes unha visión xeral do programa Pagus así como a aplicación deste programa aos municipios, ademais de afondar en aspectos relacionados coas políticas de rehabilitación, dinamización cultural e turística nos centros históricos menores e analizar as particularidades dos centros históricos vilegos de Galicia.
A experiencia na rehabilitación e revitalización dos cascos históricos de Allariz e Ribadavia serán os temas que abran a xornada do día 12 de xullo, e aos que lle seguirán un relatorio sobre rehabilitación sostible nos centros históricos e unha intervención sobre como estruturar e dinamizar territorios illados.
O día 13, o programa deste curso continuará analizando experiencias de rehabilitación e revitalización, nesta ocasión dos cascos históricos de Muros e Guimarães, así como cuestións relativas á mobilidade nos centros históricos, á renovación urbana e sustentabilidade en cidades históricas e sobre políticas de rehabilitación de vivenda nos casos históricos vilegos. Na derradeira xornada, o día 14, celebraranse dúas intervencións, a primeira sobre modelos demográficos urbanos en Galicia e a última do curso dedicada ao estudo da capacidade de acollida da cidade histórica.
As distintas intervencións previstas impartiranas profesores das universidades de Coruña, Politécnica de Madrid, Complutense de Madrid, Estremadura e de Santiago así como técnicos municipais de Allariz, Ribadavia, Muros, Guimarães e representantes da Consellaría de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.06.2007.